Os alumnos da Escola de Adultos da Asociación Sociocultural de Minusválidos de Ferrol acudiron a unha visita guiada á exposición “Camiños”

 

No día de onte, mércores 24 de xaneiro de 2018, os alumnos da Escola de Adultos da Asociación Sociocultural de Minusválidos de Ferrol acudiron a unha visita guiada á exposición “Camiños”, de Moncho Borrajo, que se mantén aberta ata finais do mes de xaneiro na Sala Carlos III de Exponav (Exposición Nacional da Construccion Naval), en Ferrol.

Froito dun convenio de colaboración entre a Fundación Santo André de Teixido e a Fundación Exponav, Pedro X. Blanco Llano, Vicepresidente da primeira, exerceu de guía explicando aos asistentes a figura e a obra do artista e xirando despois unha visita pormenorizada pola mostra.

A acollida e a experiencia, segundo os organizadores pero tamén segundo os asistentes, resultou moi gratificante para poder valorar na xusta medida o labor desenvolvido por Borrajo ao longo dos últimos cincuenta anos, de maneira que os visitantes puideron apreciar o traballo dentro do mundo das artes plásticas que o coñecido actor cómico, escritor e dramaturgo levou a cabo. Unha parte fundamental da súa obra de artista integral, que a pesar do tempo transcorrido aínda resulta descoñecida para moita xente. É ben certo que das máis de cen exposicións de pintura e escultura que Borrajo leva protagonizado, unha pequena porción se celebraron en Galicia e quizais a súa presenza nos medios de comunicación levou máis a valorar a súa función nos escenarios españois ca a recoñecer a súa obra de artista plástico, aínda sendo esta nos seus comezos anterior á proxección pública como actor.

Ao remate da visita, desenvolvida de forma distendida para que os asistentes puidesen interactuar co presentador facéndolle preguntas, a Fundación Santo André de Teixido fíxolle entrega á representante da Asociación ASCM, para a súa biblioteca, de dúas carpetas con debuxos de Moncho Borrajo sobre Santo André de Teixido e os coñecidos “Sanandresiños”, e dun exemplar do libro Escolma do Humorismo Gráfico de Moncho Borrajo, que a Fundacion está a promover como axuda aos seus fins fundacionais e que os visitantes agradeceron encarecidamente.

A exposición pecharase o vindeiro día 31 de xaneiro, logo de dous meses de estar a disposición do público ferrolán, que correspondeu asistindo masivamente con eloxiosos comentarios e en certa medida coa sorpresa de recoñecer no noso artista unha importante parte da súa obra case descoñecida por estes lares. A Fundación Santo André de Teixido encargarase de procurar outros espazos expositivos onde levar a mostra, para seguir difundindo o labor de Moncho Borrajo en todas as súas manifestacións.