A FUNDACIÓN SANTO ANDRÉ DE TEIXIDO PATROCINA A EDICIÓN DUN DVD SOBRE A HISTORIA DO HIMNO GALEGO

edición-dvd-sobre-a-historia-do-himno-galego

A Fundación Santo André de Teixido vén de asinar un acordo de patrocinio e colaboración co grupo artístico Queiman e Pousa para comercializar un DVD da súa autoría titulado O Himno, por Andrea Pousa, que recolle nun amplo documental a historia do Himno Galego de Pascual Veiga e Eduardo Pondal. A obra contempla todo o proceso que se levou a cabo na Habana por parte dun grupo de emigrantes galegos liderados por Xosé Fontenla Leal, para que a idea de que Galicia tivese un himno propio se puidese levar a cabo. En primeiro lugar, tentaron que Curros Enríquez fixese a letra e Xosé Castro “Chané” a música, pero por diverxencias entre os dous non se chegou a concretar ningún proxecto. Foi entón cando Fontenla Leal se puxo en contacto con Pondal para pedirlle permiso e ofrecerlle o poema Os Pinos a Pascual Veiga para que fixese a música.

O DVD inclúe diferentes entrevistas de persoas de recoñecido prestixio vinculadas á lingua e cultura galegas, como os expresidentes da Real Academia Galega Xosé Luís Méndez Ferrín e Xesús Alonso Montero, o actual presidente da RAG Víctor Fernández Freixanes e distintas voces e representantes das fundacións culturais colaboradoras: Eduardo Pondal, Xosé Neira Vilas, Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Paco Lareo-A Solaina de Piloño, ademais da Fundación Santo André de Teixido e o Secretario Xeral de Política Lingüística Valentín García Gómez.

Presentado nun estoxo, o DVD compleméntase cun opúsculo impreso onde se recollen as aportacións por escrito e os comentarios das persoas colaboradoras e, á súa vez, inclúe unha unidade didáctica para o ensino adaptada aos diferentes niveis educativos, como forma de achegar aos nenos e mozos este fito histórico desenvolvido polos nosos emigrantes. Ten así o dobre valor de dar a coñecer aos nenos e nenas de Galicia a historia dun dos símbolos que xunto coa bandeira e o escudo conforman a identidade do noso país; e o papel desenvolvido polos emigrantes galegos que tantas cousas aportaron á historia de Galicia.

Como non podía faltar, xunto co DVD documental producido por Foz Filmes coa dirección artística de Queiman e Pousa, vai outra gravación na que Andrea Pousa, coa súa fermosa voz e no marco da Fervenza da Toxa, en Silleda, interpreta o noso himno con arranxos do músico e compositor Nani García e a inestimable aportación da Macedonian Symphonyc Orchestra, baixo a batura de Oleg Kondratenko, nunha colaboración internacional dos Estudios Bruar na Coruña e os Estudios Fame’s en Macedonia. Por último, en homenaxe a Xosé Neira Vilas polos traballos de investigación do noso Himno na Habana, Andrea engade unha nova canción baseada no poema deste autor titulado Desta Terra.

Os exteriores de ambientación están gravados en destacados espazos emblemáticos e naturais de Galicia como a Torre de Hércules, na Coruña; Cabo Vilán, Camariñas; Castro de Baroña e Praia das Furnas, en Porto do Son; a Fervenza da Toxa, Silleda; o Pazo da Torre, Padrón; a desembocadura do Miño, no Baixo Miño; o as espectaculares contornas de Santo André de Teixido.

Temos pois un traballo completo nunca antes realizado e que merece a meirande atención para ser distribuído por todos os colexios de Galicia e entidades de todo tipo, como forma de divulgar e dar a coñecer a nosa propia historia dunha maneira clara, cómoda e accesible.

A obra presentarase nun acto público o vindeiro día 31 de maio, ás 11:30 horas, no salón de actos da Secretaría Xeral de Política Lingüística, na rúa San Roque, 2, de Santiago de Compostela. E comercializarase a un prezo testemuñal nas librerías e centros comerciais máis importantes de Galicia.