ENTREGA DE PREMIOS DO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA CAMIÑO A SANTO ANDRÉ DE TEIXIDO 2017

Os autores galardoados que asistiron á entrega de premios con membros da organización CONCURSO SAT 2017

O pasado día 8 de xullo ás 12 da mañá, na sede da Asociación Cultural y Recreativa Camino a San Andrés de Teixido, nas Somozas, procedeuse á cerimonia de entrega de premios do Concurso de Fotografía “Camiño a Santo André de Teixido 2017”, organizado pola propia asociación.

Nun ambiente distendido, os galardoados foron recibidos polo Presidente da entidade e outros membros da asociación e do xurado segundo foron chegando, aínda que houbo que lamentar a ausencia de catro dos premiados, que por motivos persoais ou laborais nun puideron acudir á cita.

A continuación, no salón de actos, e despois dunhas palabras de benvida do Sr. Presidente, procedeuse a dar lectura da acta do xurado por parte do secretario do mesmo, quen  informou de que ademais dos premios correspondentes, a organización, co apoio da Fundación Santo André de Teixido, íalles facer entrega dunha bolsa cun pequeno agasallo igual para todos, consistente en dous números da revista “Santo André de Teixido” publicada pola Asociación, unha en galego e outra un número especial en castelán que foi distribuído gratuitamente na pasada edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur); así como unha carpeta de láminas de Moncho Borrajo sobre os “Sanandresiños” e un libro-dvd coa película “Pelerinaxes” de Simone Saibene. Unha produción patrocinada pola Fundación Santo André de Teixido e finalista nos Premios Mestre Mateo 2017 do audiovisual galego, baseada no libro homónimo de Ramón Otero Pedrayo, no que se relata a viaxe do vello petrucio xunto con Vicente Risco e Ben-Cho-Shey, en 1927, dende Ourense a Teixido.

De seguido procedeuse á entrega dos galardóns aos autores presentes, que eran oito dun total de doce, e coas fotografías de rigor para deixar constancia do acontecido pechouse o acto, dando paso a un tempo de confraternización entre todos os asistentes acompañados dun refrixerio.

Naturalmente, aqueles concursantes premiados que non puideron acudir tamén recibirán os seus galardóns nos próximos días de forma privada, previo acordo persoal con cada un deles para axustar o momento que máis lles conveña.

Tamén se fixo público a vontade inequívoca da organización de convocar o antes posible a segunda edición do concurso. E informouse de que nos próximos días, no castelo de Concepción, en Cedeira, vaise inaugurar unha pequena exposición das fotografías premiadas, que terá continuidade con outra exposición itinerante complementada coas fotografías finalistas a percorrer diferentes localizacións en Galicia. Deuse conta, para rematar, que co patrocinio da Fundación se está preparando a edición dun catálogo con todas as fotografías presentadas a concurso.

O acto resultou moi agradable e a organización quedou satisfeita e animada a continuar nesta liña de promover a participación de diversos colectivos, neste caso o do mundo da fotografía, para difundir o seu labor e achegalo ao conxunto da sociedade, na súa teima por difundir os camiños que levan a Santo André de Teixido e por extensión a esta parte do mundo que chamamos o norte de Galicia.

Fotografías ceremonia de entrega de premios

Fotografías premiadas