Reportaxe do programa A Revista da TVG “O recuncho favorito de…” protagonizado polo Vicepresidente da Fundación Santo André de Teixido, Pedro X. Blanco Llano

 

O pasado día 4 de agosto, o programa A Revista da TVG emitiu unha reportaxe dentro do seu espazo “O recuncho favorito de…”, protagonizado polo Vicepresidente da Fundación Santo André de Teixido, Pedro X. Blanco Llano, para promover o coñecemento en toda Galicia do monumento megalítico coñecido como A Pena Molexa, na parroquia do Val do concello de Narón. Inmenso vestixio arqueolóxico de máis de cinco metros de altura da Idade do Bronce, que segue ergueito e desafiante nun dos extremos da parroquia valense, contemplando a inmensidade daquela depresión lindeira co concello de Valdoviño que os estudosos recoñecen como unha nave lunar a transportar as ánimas de reis e príncipes cara ao alén.

Situada nun dos camiños a Santo André de Teixido, aquel que percorre a costa norte dende a ría de Ferrol e que historiadores como André Pena Graña identifican como o Camiño dos Santos e dos barcos de pedra, a Pena Molexa está recoñecida como o único monumento megalítico destas características en toda Europa e, con todo, o descoñecemento case absoluto da súa existencia esténdese á toda a contorna ferrolá e por consecuencia ao resto de Galicia. O que de sempre existiu alí, ata hai moi pouco só se recoñecía coma un amoreamento de pedras singular pero igual que tantos outros que se poden atopar polo noso país. Sen embargo, os estudos documentados do arqueólogo Pena Graña contrastado cos de outros especialistas deu como consecuencia este recoñecemento, que a pouco que se difunda debería ser un punto de atracción turística de singular importancia, cun valor documental incuestionable e único, que Galicia enteira debe facer propio para orgullo de todos.

Dispor deste referente histórico e recoñecer a súa función principal nas culturas megalíticas galegas, o seu estado de conservación e situación privilexiada, debe pórse en valor, e a Fundación Santo André de Teixido, comprometida con todo o que permita dar a coñecer a nosa comarca, non dubidou en aproveitar o espazo televisivo para difundir a mensaxe.