Os camiños de Teixido promovidos pola Fundación Santo André de Teixido no programa A Revista da TVG

 

O martes 5 de setembro, o programa “A Revista” da TVG, emitiu unha reportaxe sobre o Camiño Vello de San Martiño de Xuvia a Santo André de Teixido, que fixera se cadra máis recoñecido o Padre Sarmiento na súa peregrinación a mediados do século XVIII.

Foi unha iniciativa promovida pola Fundación Santo André de Teixido para difundir e recordar a peregrinación ao santuario cedeirense, que contou coa participación de varios especialistas e do presidente da Fundación Ramón Tudela. Gravado no pasado mes de xullo, emitiuse agora, nas vésperas da romaría de Santo André do día 8 de setembro, coa intención de revitalizar e dar a coñecer esta rota de peregrinaxe pero que tamén reúne todos os demais atractivos relacionados coa historia da comarca ou mesmo de roteiro para andar a pé por paraxes de indubidable valor natural, etnográfico e paisaxístico.

A reportaxe comeza no antigo mosteiro do Couto, en Narón, punto de partida do Padre Sarmiento, onde o historiador e arqueólogo André Pena Graña achéganos a súa visión do valor do propio mosteiro como cenobio principal dos de Galicia, que viviu épocas de esplendor e acadou por momentos a referencia de ser o máis importante do noso país polos seus dominios e propiedades.

De seguido, o tamén arqueólogo Alberto González —á súa vez actual alcalde de Valdoviño— cóntanos os avantares da peregrinación ao seu paso por Porto do Cabo, o lugar valdoviñés lindeiro co concello de Cedeira onde se reunían os peregrinos para realizar a derradeira etapa ata o santuario. González fala tendo por fondo a vella construción do século XVI do Hospital de Peregrinos de Porto do Cabo, hoxe en ruínas e que ben merecería unha especial atención para rehabilitalo coa mesma función actualizada, é dicir, como albergue de peregrinos. Pero tamén conta a función daquelas mulleres que se encargaban de avituallar aos camiñantes ofrecéndolles unha cunca de caldo quentiño, recoñecidas polo tanto co nome de caldupeiras.

A reportaxe finaliza coa intervención de Ramón Tudela, o presidente da Fundación Santo André de Teixido, comentando as ideas que se manteñen dentro da institución para seguir favorecendo as accións e iniciativas que leven a difundir e promover a visita ao santuario cedeirense e á súa contorna.