Fundación-Santo-André-de-Teixido

Segundo aparece no Diario Oficial de Galicia de hoxe, 24 de outubro de 2018, onde se recolle a Orde de Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia de 3 de outubro de 2018:

a Fundación Santo André de Teixido pasa a ser clasificada de Interese Cultural no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Complétase así o recoñecemento oficial á institución que xa levaba dous anos traballando para facer cumprir os fins fundacionais estipulados de maneira xenérica en «promover, protexer, impulsar e fomentar estudos, investigacións e todo tipo de iniciativas e actividades que contribúan ao desenvolvemento social e ao progreso económico e cultural de Galicia, con especial atención ao recoñecemento do fenómeno inmaterial, histórico, cultural e antropolóxico inherente ao lugar de Teixido, no concello de Cedeira, desde os tempos neolíticos, e ao santuario de Santo André de Teixido, logo da cristianización, por ser a primeira peregrinación galega documentada, sen prexuízo da interrelación coas culturas da Península Ibérica e as demais europeas e do mundo, precristiás e posteriores, que atoparon no lugar de Teixido un destino de peregrinación por razóns culturais ou relixiosas», segundo dita nos seus estatutos. Polo que a partir deste momento queda adscrita ao protectorado da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

A satisfacción que este recoñecemento produce no seo da institución vai aparellado ao convencemento de que o labor desenvolvido ata agora está na liña da intención dos seus creadores, que non é outra que promocionar a visita ao magnífico e espectacular espazo natural que acolle o santuario cedeirense, entender e difundir a milenaria viaxe que levou a que xentes de toda Europa quixesen achegarse á fin do mundo atraídas polas lendas e tradicións e, de ser o caso, peregrinasen coa intención de visitar o santuario de Santo André logo da cristianización do lugar. Mais sen perder nunca a referencia de que Teixido xa era visitado antes de que a Igrexa Católica o cristianizase, atendendo ao interese por descubrir a porta do alén, o País dos Mortos, ese lugar de lonxe escollido polos deuses para repousar ao que todas as ánimas querían achegarse. Unha idea de eternidade na universalidade, na que a porta do Hades era o paso de entrada, así documentado na mitoloxía e na tradición e así significado neste lugar. E por algo será. Porque a Santo André de Teixido achéganse aínda hoxe máis galegos que a calquera outro santuario de Galicia, Compostela incluída.

Felicitámonos, pois, por este recoñecemento oficial.

concurso-fotografía-bases—————————–
DOG Núm 203 – Mércores, 24 de octubre de 2018