A FUNDACIÓN SAT FAI UNHA EDICIÓN FACSÍMILE DO SAN ANDRES DE TEIXIDO DE FEDERICO MACIÑEIRA

MACIÑEIRA

A Fundación Santo André de Teixido en colaboración con Garañón Editora vén de publicar unha edición facsímile de San Andrés de Teixido. Historia, leyendas y tradiciones, o texto de Federico Maciñeira Pardo de Lama publicado en 1921 na Imprenta Roel, da Coruña, que aínda pasa por ser a referencia imprescindible para coñecermos en profundidade o fenómeno do santuario cedeirense e todo o que ao seu arredor se leva construído polo tempo.

Federico Maciñeira foi o historiador que por primeira vez e dende unha perspectiva científica se dedicou a percorrer a Serra da Capelada e o seu significado santuario, analizando a parte relixiosa pero tamén a histórica e a antropolóxica ata redactar este traballo especificamente centrado en Santo André de Teixido. Obra que non foi a única, nin moito menos, dedicada aos seus traballos de investigación pola comarca cedeirense e do Ortegal e que a Fundación se propón seguir recuperando paulatinamente.

Nesta edición, respectando integramente a versión de 1921, cunha cualidade gráfica excepcional, mantendo as características definitorias daquela publicación en canto a tamaño do volume e reproducións gráficas inseridas no orixinal, aproveitouse para incorporar un pequeno limiar introdutorio onde se explica os motivos que levan á Fundación Santo André de Teixido a facer esta edición. Pero tamén se quixo aproveitar para acompañar o texto canónico de Don Federico, cunha semblanza biográfica do noso autor publicada por Fermín Bouza Brey en marzo de 1943 no Boletín da Real Academia Galega, onde deixa constancia da verdadeira importancia do personaxe, das súas múltiples publicacións e do nivel de relación internacional que mantiña con outros investigadores e académicos europeos. Unha maneira de dicir e deixar impreso para evitar calquera tipo de dúbida, que Don Federico non só era xunto con Murguía o noso máis serio investigador histórico do tempo, senón tamén a figura máis respectada e recoñecida nese eido alén das nosas fronteiras. Circunstancia que o réxime franquista non vía con bos ollos e quería escurecer coma se Maciñeira non pasase de ser máis ca un afeccionado á historia local. Porque as investigacións de Don Federico deixaban en evidencia que esa sagra unidade da patria que defendía o réxime, tamén para a prehistoria, era unha falacia e que a península Ibérica estaba composta de diferentes pobos, cadaquén coas súas peculiaridades e formas de cultura. En definitiva, o mesmo que pasa agora e que só a ignorancia ou a interesada desinformación tentan defender.

O libro, de 15.5×21 cm., 150 páxinas (incluíndo as addendas previas), edición facsímile e encardernación en rústica, estará á venda nas librerías de Galicia ao PVP de 19 €, pero tamén se pode solicitar a través desta mesma páxina web.

Libraría Couceiro

Nas recomendacións literarias da Libraría Couceiro achegámonos desta vez á edición facsímil de 1921 da obra “San Andrés de Teixido. Historia, leyendas y tradiciones” de Federico Maciñeira Pardo de Lama, un dos fundadores da Real Academia Galega.