A Fundación Santo André de Teixido busca a implicación do Concello de Ourense para a celebración do aniversario de Pelerinaxes

xesús-vazquez-alcalde-de-ourense-caveira-de-honra-ramón-tudela-camino-a-san-andres

O 4 de xullo de 2017 cúmprense 90 anos dende que Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey iniciaron na cidade de Ourense un camiño cara Teixido, co fin de coñecer a terra máis a fondo. Esta viaxe deu lugar, dous anos despois, ao libro Pelerinaxes I, de Otero Pedrayo, publicado en 1929.

Máis recentemente, o director de cinema Simone Saibene inspirouse nesta mesma obra para o seu documental Pelerinaxes, unha versión actualizada do camiño que os intelectuais galegos fixeran décadas atrás. E sobre o filme, foi publicado un libro-DVD pola Editorial Galaxia, coa colaboración da Asociación Camiño a Santo André de Teixido e da propia Fundación.

Hoxe, a Fundación Santo André de Teixido traballa nunha axenda de eventos que teñen como obxecto conmemorar a efeméride e recuperar o camiño dos galeguistas a Teixido. E este foi un dos motivos polos que o presidente da institución, Ramón Tudela, mantivo unha reunión co alcalde de Ourense, Xesús Vázquez.

No encontro, Tudela avanzou algúns dos eventos que se están a planificar con motivo desta conmemoración, para os que se buscará a colaboración das administracións e todos os axentes implicados e interesados en recuperar a ruta.

A reunión entre Ramón Tudela e Xesús Vázquez tivo lugar no Concello, situado na Praza Maior de Ourense, moi preto da Praza do Ferro, de onde partiron os intelectuais na súa viaxe cara Teixido. E nesta reunión, Ramón Tudela fixo entrega a Xesús Vázquez da Caveira de Honra, que a Fundación outorga a aquelas figuras que contribúen coa súa implicación ao desenvolvemento dos Camiños de Teixido e á dinamización deste lugar.