Apader busca voluntarios

asociación-apader-cedeira-san-andrés-de-teixido

Apader é a Asociación de pais e amigos de deficientes mentais de Régoa, en Cedeira. Foi fundada no ano 1978 e os seus centros e servizos comezaron a funcionar en 1982. Tras esta iniciativa, nada para cubrir as necesidades de persoas con discapacidade intelectual procedentes da zona rural, está Gonzalo Latorre, que dirixe o proxecto. Trátase dun madrileño que ten un irmán con síndrome de down e que chegou a Cedeira acompañando a un grupo de rapaces de educación especial da capital de España durante anos. Nesas datas, optou por instalarse en Cedeira, abandonar a idea de macrocentros con ata 300 internos en Madrid e buscar unha alternativa que ofrecera unha atención máis individualizada e non masificada, e atendera tamén á poboación desatendida do rural.

Un dos retos que afronta agora a entidade é incorporar voluntarios a este proxecto, figuras fundamentais para, sobre todo, acompañar aos usuarios dos centros de Apader nas súas viaxes e tempos de ocio, que non son poucos. Na actualidade hai cinco voluntarios permanentes, pero faltan estes apoios máis puntuais.

Gonzalo Latorre explica que son moi frecuentes as saídas dos usuarios de Apader, pois acoden a competicións deportivas, marchan de vacacións e teñen múltiples actividades de ocio e tempo libre sobre todo na fin de semana. O único requisito para ser voluntarios é acompañalos, pois sempre van tamén traballadores do centro.

“O que precisan é compañía”, algo que os usuarios agradecen enormemente, porque trátase de coñecer xente nova. Os propios integrantes de Apader son voluntarios do Banco de Alimentos Rías Altas. Pero o voluntariado que busca Apader non está só inmerso neste acompañamento. Calquera persoa, de seguro, pode aportar algo.

Instalacións e proxectos

Dende a posta en marcha de Apader, os centros foron evolucionando, pasando de centro educativo ao actual centro residencial e ocupacional. A integración nesta vila foi “absolutamente fácil” e dende fai xa moitos anos Apader é un colectivo sobradamente coñecido e integrado na vida diaria de Cedeira. Hoxe, atende a 15 persoas na residencia, 25 participan nos talleres ocupacionais e oito están distribuídas en dúas vivendas tuteladas. A maior parte dos residentes están entre os 30 e 40 anos, proceden do medio rural e de familias desestruturadas. E en varios casos, o propio centro asume a tutela das persoas que foron incapacitadas polo xuíz.

A residencia está situada na parroquia de Régoa, pero no núcleo urbano están as vivendas tuteladas e dous dos talleres ocupacionais, os de encuadernación e carpintería e de serigrafía e rotulación. Este último, mesmo permite aos traballadores recibir unha gratificación polo traballo.

A importancia dos talleres ocupacionais radica no sentido de utilidade dos usuarios e tamén a visibilidade social do seu traballo. Nesta liña, son responsables da tenda e do control de entrada do Museo Mares de Cedeira, tarefa coa que desenvolven a súa capacidade de expresión e desenvolvemento social. E ademais traballan para a cesta benvida para bebés posta en marcha pola Xunta de Galicia. Así, teñen feito camisetas para os bebés e muselinas. Hai, tamén, clientes privados, ademais dos institucionais.

O traballo de Apader consiste en acompañar aos usuarios no seu crecemento, evolución e integración, di o director. E teñen casos de grande éxito, coma son os dun rapaz que está plenamente integrado laboralmente ou unha parella que se coñeceu e hoxe ten unha nena. “É a integración social ideal, son parella, teñen familia e un traballo”.

A perspectiva de Gonzalo Latorre sobre a discapacidade intelectual é ampla, pola súa dedicación profesional e por ser irmán dunha persoa con síndrome de down.

Influíu o seu irmán na súa profesión?

Non é que influíra, determinou a miña carreira profesional.

Que lle diría aos pais dun rapaz ou rapaza con discapacidade intelectual?

Fundamentalmente, diríalles que teñen ante si unha oportunidade de compartir unha vida e de fomentar unha vida plena e feliz, tanto para o seu fillo como para eles. Vai implicar moita constancia, pero tamén terá moito apoio. E pediríalle tamén que o trate como a calquera outro neno.

Evolucionou a atención a persoas con esta discapacidade intelectual?

Tense avanzado moito pero aínda queda moito por facer. Houbo modificacións legais tremendas e agora podemos falar de discriminación positiva. Antes, falabamos de caridade e despois de xustiza social. Hoxe non se plantea un servizo que non contemple unha mellora na calidade de vida.

A que se debeu esa evolución?

As asociacións de pais motivaron a creación de centros, recursos e modificacións lexislativas.  Pensando no futuro dos fillos cando eles morran, buscáronse fórmulas creando residencias, para que os coiden.

Chegan as prazas en residencias?

En residencias non chegan as prazas, pero si chegan en materia ocupacional e centros de día. E xa imos polo paso seguinte. Agora estase traballando en residencias nas que poden convivir pais e fillos. Son ideas europeas, nórdicas, pero moi caras.

É moi caro facer unha residencia?

O problema non é crealas, é mantelas. Porque son 365 días ao ano e 24 horas. É necesario moito persoal.

Como se financia a asociación e os servizos que presta?

Todos os socios de Apader pagan unha cota e temos contrato coa Xunta de Galicia para mantemento de prazas. Non cubre o 100%, pero permítese cubrir unha parte cun copago por parte dos usuarios. Nalgúns casos, aportan unha porcentaxe da pensión. A partir de aí, hai subvencións da Deputación.

Afectou a crise a Apader?

Foi un golpe porque perdemos moitos extras das obras sociais das caixas e da responsabilidade social corporativa das empresas.