DEVOCIÓN AO PRIMEIRO APÓSTOLO

A tradición fala dun pescador de Betsaida, un pobo de Galilea, discípulo de Xoán o Bautista. Santo André é a primeira persoa que recoñeceu Xesús como Mesías e como tal presentoullo ao seu irmán Simón Pedro. Por tanto, é o primeiro chamado ao apostolado ao carón de Xesús de Nazaret.

Curiosamente, non se mencionan as viaxes misioneiras de Santo André nos Feitos dos Apóstolos, aínda que son coñecidos polos cristiáns pola obra dos Pais da Igrexa, como Eusebio de Cesarea, que menciona Escitia coma o principal lugar de evanxelización.

A romaría e o culto ao santo en Teixido remóntanse ao Medievo. Unha carta outorgada que se conserva no Arquivo Histórico Nacional aporta a primeira referencia da existencia do santuario. Nela, infórmase de que os condes de Traba doaban á Orde de San Xoán de Xerusalén todas as súas propiedades en Cedeira e Teixido.

Os máis ousados estudosos das romarías e peregrinacións, sitúan o remoto santuario por riba de Compostela en antigüidade, ao dar por feito unha continuidade entre as peregrinacións pagás e cristiás, sendo froito da convivencia de ambas as dúas durante moito tempo a mestura de moitos ritos e costumes da peregrinación a Santo André de Teixido.

As varas de teixo e abeleira engalanadas con herba de namorar e sanandresiños, algúns costumes como o de visitar a fonte dos tres canos e cumprir co seu ritual ou mesmo a acumulación de pedras dos amilladoiros son costumes de orixe remota cristianizadas.

O culto ao apóstolo pescador comparte ritos comúns con outras peregrinacións e romarías de Galicia e da cristiandade en xeral. Entre elas, a que comentamos dos amilladoiros, por exemplo, é propia de todas as peregrinacións a pé e, por tanto, de xeito destacado no Camiño de Santiago.

Outras tradicións, como a ofrenda de exvotos ou cirios e velas de distintos tamaños, son comúns a todas as manifestacións relixiosas relacionadas con milagres e curacións. E no caso de Santo André de Teixido, son moi numerosas as maquetas de embarcacións que ben son recordo dun naufraxio ou pretenden a intercesión do apóstolo pescador para que non aconteza.

apostol-santo-andre-cedeira-teixido-camino-a
devocion-al-apostol-santo-andre-de-teixido
devocion-al-apostol-santo-andre-cedeira-teixido
devocion-al-apostol-santo-andre
devocion-al-apostol-santo-andre-camino-a-san-andres

CULTO AO PESCADOR DE HOMES

O que verdadeiramente distingue á cristianizada peregrinación a Santo André de Teixido é a súa relación coa morte, o xuízo final e a procura dunha tranquila transición á inmortalidade. Algo que recupera a relación da comarca coa tradición celta, en Bretaña, Holanda ou Escocia, Santo André tamén se venera coma intercesor das almas no seu tránsito polo mundo de ultratumba.

Nun principio, os romeiros e peregrinos que cumprían promesas vestían con longos hábitos de cor clara, especie de mortallas que ao non teren esa utilidade grazas á intercesión de Santo André, eran cedidas ao templo.

Outra peculiaridade da peregrinación a Teixido é precisamente que, ao contrario doutros coñecidos templos do medievo, non posúe rutas concretas. O camiño nace onde comeza a súa viaxe a persoa devota. Ben é certo que a tradición fixou rutas que se foron sinalizando.

O costume que distingue este camiño é que, aínda recoñecendo o valor introspectivo da viaxe, recoméndase aos romeiros e romeiras que inicien a viaxe a Santo André en grupo e con manifestacións de gozo interior, podendo acompañarse de instrumentos musicais.

O rito tamén ten as súas particularidades. O misote é a misa principal que debe escoitar o peregrino que chega a Santo André. Tamén debe participar na procesión e serlle feito o sinal da cruz coa figura do propio santo.

Tras a entrega dos exvotos ou mesmo da alma dalgún familiar ou amigo ao que se teña acompañado, cómprase o caxato de peregrino e fáiselle o ramo de herba de namorar, unha planta mariña e os sanandresiños de masa de pan.