Santo André de Teixido, protagonista en FITUR 2017

sanandres-de-teixido-fitur-2017-feria-turismo-caminos

O presidente da Asociación Cultural e Recreativa Camiño a Santo André de Teixido , Ramón Tudela, quere que se acondicionen e sinalicen todos os itinerarios a este santuario, como se fixo coa Ruta do Medievo

Os camiños a Santo André de Teixido foron protagonistas na primeira xornada da Feira Internacional de Turismo (FITUR), unha das máis importantes do mundo. No stand da Xunta de Galicia, o presidente da Asociación Cultural e Recreativa Camiño a Santo André de Teixido, Ramón Tudela, foi o encargado de dar voz a este lugar e ás rutas que levan a el. E tamén de convidar a todos os presentes a visitar Teixido en vida.

O lema ‘Ven de Vivo’ foi a pegada que quedou nos asistentes á presentación, que foi acompañada dun vídeo que amosa os encantos deste ancestral lugar de peregrinación e que non deixou indiferente a ninguén. Mentres se sucedían as imaxes de Teixido e a súa contorna, Ramón Tudela fixo a súa intervención, con especial mención á Ruta do Medievo, recentemente sinalizada e acondicionada pola Deputación da Coruña.

E este é o exemplo do que a asociación quere que se faga con todos os demais itinerarios que van a Teixido. Por iso, avógase pola implicación de todas as institucións, como aconteceu e acontece co Camiño de Santiago. E precisamente pola conexión con este camiño destacou tamén o rol da Ruta do Medievo. Porque “o camiño de Betanzos a Santo André comunica dous santos, dous apóstolos, dous santuarios e dúas peregrinacións, nun mesmo país, Galicia”.

O presidente da Asociación Camiño a Santo André de Teixido explicou ante os presentes o dito de que todas as almas teñen que pasar por Teixido, sexa en vida ou xa mortos. “A Santiago van máis peregrinos de carne e oso, pero a Santo André de Teixido son moitas máis almas as que se achegan a venerar ao Santo Apóstolo”, enfatizou.

E a demais, Ramón Tudela defendeu ante o auditorio que Santo André pode e debe protagonizar “un novo proxecto de dinamización turística que permita pór en valor camiños alternativos e complementarios a Santiago de Compostela”.

 A Ruta do Medievo

Un dos elementos desta dinamización turística é a Ruta do Medievo, que percorre dez concellos: Betanzos, Coirós, Paderne, Irixoa, Monfero, A Capela, San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Cedeira.

O itinerario atravesa 95 quilómetros dun territorio cun alto potencial de desenvolvemento e que se divide en cinco etapas. Trátase dun percorrido que fai o camiño dos Andrade para cobrar os tributos aos labregos.

Por iso, arranca en Betanzos, cidade medieval, e atravesa lugares coma o Mosteiro de Monfero, o de Caaveiro (A Capela), o Castelo de Naraío (San Sadurniño) e o Castelo de Moeche, un dos máis destacados nas revoltas Irmandiñas.

“Este camiño ou ruta do Medievo vai ser, sen dúbida algunha, un camiño vivo, un camiño que agardamos que sirva para que a nosa terra sexa lugar de atracción de visitantes que nos queiran coñecer mellor, que nos valoren, que nos aporten, que nos enriquezan en todos os sentidos”, concluíu Ramón Tudela.