O catálogo coas fotografías participantes no concurso “Camiño a Santo André de Teixido 2017” estará a disposición do público nas máis importantes librerías de Galicia

Garañón Editora, co patrocinio da Fundación Santo André de Teixido, acaba de publicar o catálogo coas fotografías participantes no concurso “Camiño a Santo André de Teixido 2017”, convocado o pasado ano pola Asociación Cultural y Recreativa Camino a San Andrés de Teixido.

Tal e como se recollía nas bases do certame esta publicación xa estaba prevista para dar a coñecer e divulgar os traballos presentados, ademais de ofrecer un soporte físico en forma de libro onde aparecesen todas as obras, tanto as galardoadas como as demais recibidas a concurso.

É un esforzo realizado a costa da Fundación, que fará chegar a todos os participantes un exemplar, para manifestar o seu compromiso coa causa da difusión do fenómeno de Santo André de Teixido, pero tamén como depósito de confianza cara aos fotógrafos para que vexan reflectido nun libro o seu traballo e, de ser o caso, se animen a participar en novas edicións. De feito, estívose agardando por esta publicación para facer a convocatoria dun novo certame orientado nesta ocasión a recoller as grandezas da paisaxe e as características diferenciais da Costa Ártabra e do Ortegal ata Estaca de Bares.

O volume, de gran formato, 21×24 cm e 128 páxinas a toda cor, dispón nunha primeira parte as fotos galardoadas e finalistas a tamaño proporcionado de páxina completa; e o resto das instantáneas presentadas, nun segundo apartado, a razón de catro imaxes por páxina. As fotos da primeira parte van acompañadas, en páxina encontrada, dos textos alusivos que os autores remitiron, así como as indicacións identificativas (título da foto, autor, procedencia do autor e localización da imaxe). E estará a disposición do público nas máis importantes librerías de Galicia a partir dos próximos días ao prezo de 20 €.