Lanzamento da colección de libros denominada Teixido

Colección de libros Teixido

A Fundación Santo André de Teixido vén de crear, en colaboración con Garañón Editora, a colección de libros denominada Teixido, para textos relacionados co fenómeno teixidense e en xeral para todo tipo de traballos vinculados á etnografía, teñan por obxecto o santuario cedeirense ou calquera outro motivo de carácter etnográfico.

Este primeiro volume, que xa está chegando ás librerías máis importantes de Galicia, leva por título Viaje a A Capelada y su Santuario de San Andrés de Teixido, da autoría de D. Antonio Rodríguez Rodríguez, e correspóndese cun traballo presentado a un premio da Deputación da Coruña na década dos anos setenta do século pasado.

En efecto, a Deputación da Coruña nesa altura tiña constituído o denominado Patronado de San Andrés de Teixido, unha entidade creada para a defensa e promoción dos valores construídos polo tempo arredor do santuario de Cedeira e unha das iniciativas que promoveron foi a de convocar un “Premio de Etnografía Federico Maciñeira”, que entre outros personaxes foi acadado na edición de 1972 pola recentemente falecida Xohana Torres, pero á que tamén se presentaron outros estudos como o que se edita agora.

Viaje a A Capelada y su Santuario de San Andrés de Teixido foi o texto presentado polo médico e profesor da Universidade Complutense de Madrid Don Antonio Rodríguez Rodríguez, á convocatoria de 1976, do que non sabemos se chegou a acadar algún galardón, toda vez que á Fundación SAT chegoulle o orixinal pola mediación de Don Rafael Usero, que no seu día formou parte do xurado daquel concurso e el mesmo aconsellounos a publicación.

Trátase dunha viaxe, como o título indica, dun camiñante infatigable pola Serra da Capelada e a inevitable visita ao santuario teixidense, onde o autor vai describindo as súas impresións no relativo ás características físicas do terreo pero tamén á xeografía humana. Unha viaxe contada coa paixón de quen vai descubrindo un tesouro relatada cun intenso sentimento que transmite con toda a intensidade que a descuberta lle suxire, levando ao lector a namorarse da contorna e das xentes do lugar, aderezado con máis de corenta fotografías do autor e daquel tempo, o que hoxe nos permite comparar paisaxes e vistas coa realidade actual.

O libro a toda cor, 140 páxinas e, como se dí, máis de corenta fotografías, tamén se pode adquirir, ademais de en librerías, a través desta mesma páxina web e da páxina de Garañón Editora (www.garanoneditora.gal) ao PVP de 16 € e será presentado nos vindeiros días no Concello de Cedeira.

Na mesma colección sairán proximamente outros textos de singular importancia por atoparse esgotados dende hai moito tempo ou froito de traballos novos de investigación, como unha edición facsímile da de 1921 de San Andrés de Teixido. Historia, leyendas y tradiciones, de Federico Maciñeira; unha edición revisada e ampliada de El Santuario de San Andrés de Teixido, de Rafael Usero; unha nova edición de Lírica teixidesa, de Xosé Antonio Suárez Aneiros, autor que á súa vez está preparando un actualizado traballo de investigación sobre o Cancioneiro de Santo André de Teixido, no que se recolle boa parte da memoria popular de ditos e cantigas relativos a Santo André pero tamén froito dunha pescuda que o investigador realizou sobre textos de autores do pasado que deixaron a súa pegada en libros e publicacións diversas. Sen esquecer outra serie de iniciativas no eido editorial nas que a Fundación Santo André de Teixido está traballando e que se irán dando a coñecer oportunamente.

En definitiva, créase a Colección Teixido como unha canle de comunicación para fixar textos recuperados ou de nova creación relativos a Santo André de Teixido e A Capelada, de maneira coordenada e cun estilo e presentación definidos e doadamente identificables, ao abeiro dunha empresa editora profesional capaz de desenvolver un proxecto propio que faga de soporte para a consolidación dun proxecto global que veñen sendo os obxectivos da propia Fundación.

Un fito máis do dinámico labor desenvolvido pola Fundación SAT no pouco tempo que leva constituída.