IMPORTANTES PREMIOS NO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA DA ASOCIACIÓN

concurso-fotografía-san-andres

A Asociación Camino a San Andrés de Teixido vén de convocar o primeiro Concurso de Fotografía “Camino a San Andrés de Teixido 2017” cunha dotación de premios verdadeiramente espectacular. 3.000 € para o primeiro clasificado, 2.000 € para o segundo e 1.000 € para o terceiro, ademais de catro accésits de 500 € cada un. Non é común nin moito menos estes galardóns, pero é que se trata de motivar dunha forma efectiva aos mellores fotógrafos, profesionais e afeccionados, para que poñan a súa arte ao servizo dunha causa nobre: promocionar os camiños de Santo André, dentro desa teima que se propuxo a propia Asociación dende a súa creación, hai apenas seis meses, e que continuará diversificada noutro tipo de actos e iniciativas a través da Fundación Santo André de Teixido recén creada. As dúas institucións van traballar conxuntamente na promoción dos camiños sanandresiños para que Galicia enteira recupere o tesouro desta peregrinación milenaria.

Neste mesmo sitio web, o amable lector/a poderá consultar as bases do concurso e inscribirse para participar. Sen embargo, queremos resaltar algúns extremos aos que desde a Asociación lle damos especial importancia. Por exemplo, é intención da organización publicar un catálogo con todas as fotografías seleccionadas para que teña unha dimensión pública de maior transcendencia, igual que organizar unha exposición itinerante que poida percorrer toda Galicia durante un ano. Non hai maior reclamo para os posibles visitantes de Santo André e por extensión da Serra da Capelada, que poder contemplar a ollada dos especialistas en saber mirar a través do obxectivo dunha cámara fotográfica.

Por outra parte, como tamén se indica nas bases, a filosofía que animou a convocatoria do concurso foi descubrir os camiños todos que levan a Santo André na libre interpretación que o artista fotógrafo poida entender, porque o camiño non é só o que aparece nas guías turísticas senón o sentimento que o camiñante experimenta cando se propón a andaina. De igual forma, entendemos que o fotógrafo será os ollos dese camiñante capaz de reparar nos pequenos detalles que acaso resuman unha particular visión da peregrinaxe.

En calquera caso, o xurado será quen decida que instantáneas están relacionadas cos camiños a Santo André, naturalmente, porque se debe manter unha formalidade de criterios, polo que se lle pide aos concursantes que xunto coa súa imaxe dean unha sucinta explicación descritiva da propia imaxe e da situación xeográfica en que foi captada. Aínda así, entendemos que o campo imaxinativo no que desenvolver o traballo é amplo e o xeográfico tamén.

Fotógrafos profesionais e afeccionados están convidados a participar libremente ao mellor fin de reunir un conxunto de fotografías que fagan historia pola espectacularidade ou pola intimidade do artista, que de todo cabe na intención desta convocatoria.


bases-concurso-camino-a-san-andrés-fotografíaBASES DO CONCURSO