UNHA TESE DOUTORAL SOBRE O CAMIÑO DE SANTO ANDRÉ

camino-a-santo-andre-de-teixido            

O pasado 31 de outubro presentouse no Salón de Graos da Facultade de Humanidades de Ferrol unha tese de doutoramento titulada El Camino de San Andrés de Teixido: raíces históricas, gestión cultural y turismo, que desde a Asociación de Amigos do Camiño a Santo André de Teixido saudamos con entusiasmo. A súa autora, Elvira Lezcano González, traballou durante case dez anos na recolleita de datos e entrevistas, no coñecido como camiño vello, o que parte do mosteiro de San Martiño do Couto.

A profundidade e acerto do seu traballo mereceu, como non podía ser doutro xeito, a valoración do tribunal coa cualificación de sobresaliente cun laude. Nel analiza desde distintos puntos de vista a realidade actual do estado en que se atopa a conservación, mantemento e sinalización do roteiro, ademais de considerar a implicación das distintas administracións, con intervencións se cadra ben intencionadas pero sen moita coordinación.

A base de partida da súa investigación hai que remitila ao ano 2005, cando de maneira profesional a autora participou nun estudo promovido pola asociación de concellos Costa Ártabra e levado a cabo pola consultora Proyfe, denominado Estudio marco de intervención en el Camino de San Andrés de Teixido. O que lle permitiu facer un seguimento para realizar unha comparanza entre 2005 e 2015 e chegar á conclusión de que a pesar dos diversos intereses confluentes e das medidas adoptadas, estas foron illadas sen manter a coordinación necesaria. Atopou, por exemplo, diferentes sistemas de sinalización en lugares distintos promovidos por actores que coa mellor intención pero sen o estudo científico axeitado, tentaron regular pola súa conta unha definición de “camiño” á súa maneira. Xerando descontrol e falta de rigor. Por todo isto, conclúe a doutora Lezcano que nestes últimos anos o camiño de Santo André foi a peor, sen unha xestión que o manteña e sen unha idea de dinamización definida e axeitada para promovelo e dalo a coñecer no seu conxunto. Semella como se cadaquén pola súa parte fixese do camiño de todos un camiño propio e limitado aos propios intereses.

Denuncia o paulatino desmantelamento da sinalización, o mal estado da súa conservación, mesmo desaparecendo os sinais que se tiñan colocado, botados a perder arrombados polas cunetas ou tapados pola vexetación e o prexuízo que representa para os romeiros desorientados. Lugares onde se atopan catro ou cinco sinais e despois longos treitos onde non volve aparecer ningún e outros desatinos solucionables. En definitiva, chega á conclusión de que a pesar dos esforzos realizados ata o de agora, no fondo agóchase un problema de traballo en común e falta de interese na confluencia entre Concellos, Deputación e entes supramunicipais, que desde logo sería moi desexable solucionar á meirande brevidade.

Sen esquecer tampouco o labor desenvolvido por entidades privadas, como a Sociedade Galega de Historia Natural ou o Club de Montaña Ferrol, que desde as súas aportacións tentan achegar xente a Santo André e revitalizar un camiño de peregrinación a pé, en boa parte esquecido pola irrupción dos desprazamentos en coche case en exclusiva.

Todas estas cousas comentou a doutora Lezcano na presentación da súa tese e manifestou despois na prensa, causando reaccións por parte daqueles que se sentiron feridos no seu traballo de anos. Pero se habemos de analizar os datos con frialdade para tentar solucionar o problema, debemos recoñecer que o que vén dicir é certo. Non se nega en absoluto o que se leva feito, simplemente se pon de manifesto que para promover e dinamizar os camiños de Santo André hai que traballar conxuntamente, cuns obxectivos comúns e cunha planificación que sume e non que reste, que axude e non que prexudique. Porque non hai solucións parciais nin particulares.

Desde a Asociación de Amigos do Camiño a Santo André sabemos que estas cousas pasan porque foi a nosa razón de ser, a base da que partimos para constituírmonos en grupo independente e sen embargo con toda a intención de manter aberta e permanentemente unha magnífica relación con todos os sectores confluentes. E xa mantivemos relación con moitos deles para presentar o noso proxecto de exercer como elemento mediador. Á proxección turística e romeira que defende a profesora Lezcano no seu traballo, sumamos a nosa visión de que o camiño pode exerce de dinamizador dunha comarca con novos intereses e activos de promoción económica. Porque entendemos que o fenómeno de Santo André non se circunscribe en exclusiva a un só motivo. Hai moitos atractivos complementarios por dinamizar e moitas razóns diferentes por descubrir a un público potencial que interactúe de diversas maneiras.

Esa foi a razón de que, despois de madurar a idea, désemos o paso de levar adiante un proxecto moito máis completo, decidindo a constitución dunha Fundación, onde os intereses de todos estean representados. Un ente dedicado en exclusiva e durante todo o ano a analizar problemas, procurar solucións e definir actuacións concretas en colaboración con especialistas dos diversos campos de actuación e o apoio das institucións de todo tipo: administrativas, empresariais, representativas do tecido social, culturais, etc. Porque se os camiño de Santo André son camiños comúns pasen por onde pasen, entre todos debemos facer del un obxectivo conxunto. Cremos que se así o facemos acadaremos, tamén entre todos, o beneficio agardado.

Estamos en trámites de constituír esa Fundación, de natural demorados pola tramitación administrativa, pero en moi pouco tempo oirase falar dela e verase a proxección que pretende ao mellor fin de facer do Camiño de Santo André de Teixido un camiño de esperanza no desenvolvemento social, cultural e económico de Galicia.