Entrevista a Ramón Tudela, presidente da Asociación.

 

entrevista-ramon-tudela-presidente-asociación

 

Na revista da “XV festa do Percebe” de Cedeira, aparece a entrevista que lle fixeron o mes pasado, ao noso presidente da Asociación.

Entrevista

Ramón Tudela preside a “Asociación Cultural y Recreativa Camino a San Andrés de Teixido”, que ven de constituírse co obxectivo de potenciar as vías que levan ao, actualmente, segundo lugar de peregrinación de Galicia. Namorado do entorno deste núcleo cedeirés, e consciente do seu potencial socioeconómico, está a aglutinar a persoas e asociacións nun ilusionante proxecto de promoción do santuario.

Por que veñen de crear esta asociación?

A asociación creouse co interese de potenciar, dende o punto de vista cultural e espiritual, social e económico, os camiños a San Andrés de Teixido. Os membros da asociación detectamos que a pesares da fonda raigame da peregrinación ao santuario, en comparanza con outros camiños e puntos de encontro espiritual, o de San Andrés está escasamente valorizado. Todo o mundo debera vir de vivo e gozar deste camiño.

Cales son os obxectivos da iniciativa?

Pretendemos que esta iniciativa permita dar a coñecer e potenciar os atractivos naturais, turísticos e gastronómicos dos diferentes camiños de peregrinación que conflúen en San Andrés, que son moitos. Para iso tamén pretendemos implicar a outras asociacións e institucións públicas e privadas que coincidan no mesmo interese de promocionar a comarca.

Nalgúns camiños de Santiago, por exemplo, fálase xa de saturación. Está contemplado este risco?

A demora na posta en valor do camiño a San Andrés representa unha vantaxe respecto a outros puntos de peregrinación xa que nos permite aprender e corrixir erros cometidos como a saturación, masificación e banalización dalgunhas vías tradicionais. Xa dicía Cunqueiro que San Andrés é a vía de peregrinación que nos queda aos galegos.

A creación da asociación é recente. Hai xa proxectos en marcha para acadar esa promoción dos camiños?

Quizás o que máis chamou a atención foi a compra dun inmoble en San Andrés, o cal nos converte a todos en veciños do núcleo. Salientamos a boa acollida que tivemos por parte da veciñanza e do comercio local, o que nos anima a comezar en breve coa rehabilitación desta casa e a construcción dun albergue para peregrinos. Estamos a estudar tamén a posibilidade de pór en marcha un centro hostaleiro, unha iniciativa proposta polos propios veciños de San Andrés, así coma una oficina de turismo e un centro de interpretación, para facilitar a información aos visitantes e potenciar a peregrinación.

 Ata onde chegará a proxección do Camiño de San Andrés?

Estivemos a promover a investigación dos camiños europeos e de Galicia ao santuario e as orixes celtas das peregrinación ao entorno da Serra da Capelada. Con este traballo, xa ao longo deste verán, e como medida ininterrompida no tempo, imos realizar un calendario de acción de promoción tanto no entorno próximo coma de xeito internacional, con presenza en focos de potenciais visitantes e eventos turísticos que poidan fomentar o interese na visita a San Andrés.