SANTO ANDRÉ DE TEIXIDO NA USC

estudantes-usc-traballo-santo-andre

Os catro estudantes de xornalismo da USC con Ramón Tudela e Rafael Usero nas dependencias de Soluciones Poligráficas

O pasado venres, 25 de novembro, un grupo de catro alumnos da Facultade de Comunicación, sección Xornalismo, da Universidade de Santiago de Compostela, fixeron unha longa entrevista ao Presidente da Asociación Cultural e Recreativa Camiño a Santo André de Teixido, Ramón Tudela, e ao cronista oficial de Cedeira, o profesor e investigador Rafael Usero.

A entrevista tivo lugar nas dependencias da empresa Soluciones Poligráficas e tiña por obxecto recoller información de primeira man sobre o fenómeno teixidés, coa finalidade de elaborar un traballo para a Facultade como práctica de formación.

En principio, os estudantes pretendían realizar unha gravación audiovisual de sete minutos de duración recollendo as respostas a un pequeno cuestionario que traían preparado, mais a cantidade de datos aportados polos interlocutores en amena conversa, explicando con detalle todas as ramificacións e enfoques que o mundo de Teixido representa, obrigou a variar as súas expectativas e aquelas previsións ampliáronse ata case dúas horas de gravación.

A diversa orixe de cada un dos rapaces, A Coruña, Moaña, O Carballiño, Ourense e un cuarto nado en Canarias pero residente en Galicia, que partían dun coñecemento moi por riba da realidade histórica que atesoura Santo André de Teixido, colaborou a espertar o seu interese, na medida en que Tudela e Usero aportaban máis e máis información, o que lles fixo reconsiderar o enfoque final do labor encomendado.

Ramón Tudela aproveitou a ocasión para facerlles entrega a cada un dos rapaces dun exemplar do libro de Otero Pedrayo en edición facsímile Pelerinaxes I, no que se recolle a experiencia da viaxe realizada en 1927 polo propio Otero xunto con Vicente Risco e Ben-Cho-Shey, dende Ourense a Santo André de Teixido; outro exemplar do libro – DVD Pelerinaxes, editado por Galaxia e patrocinado pola Fundación Santo André de Teixido (en fase de constitución), realizado por varios autores sobre a película homónima de Simone Saibene, cuxo guión basease no propio libro de Otero; e finalmente unha carpeta con láminas de Moncho Borrajo, que recolle a interpretación libre do polifacético artista sobre oito das figuras de miga de pan máis representativas das que se fabrican en Santo André dende mediados do s. XIX, como recordo da visita ao santuario, popularmente coñecidas coma Sanandresiños.

Naturalmente, os estudantes, Sara Vieitez, Yohana Silva, Maria Muleiro, Esther Rodríguez e Diego Ramos, quedaron encantados e estamos certos de que poñerán da súa parte todos os seus coñecementos para facer un traballo digno da mellor cualificación académica.