A FUNDACIÓN SANTO ANDRÉ DE TEIXIDO COLABORA NA EXPOSICIÓN “LA RESERVA VOLUNTARIA EN ESPAÑA”

O pasado día 3 de maio inaugurouse na sala Carlos III da Exposición Nacional de Construcción Naval (EXPONAV), en Ferrol, a exposición itinerante La Reserva Voluntaria en España, organizada pola Asociación de Reservistas 2 de Mayo, con base na Coruña, presidida polo tenente farmaceutico Jesús Pereiro Varela. Trátase dunha exposición de fotografías onde se recollen as actividades desta dinámica asociación que ten por obxectivo difundir a figura do reservista voluntario como un membro máis das Forzas Armadas.

A Fundación Santo André de Teixido, representada no acto polo seu Vicepresidente, Pedro X. Blanco Llano e polo Secretario, Jacinto Huete Perille, por solicitude do Almirante do Arsenal, vicealmirante Francisco Javier Romero Caramelo —que presidiu o evento—, actuou como copatrocinadora da exposición facilitando a impresión e soporte das fotografías dunha mostra que vai estar en Ferrol durante todo o mes de maio e que despois xirará por diferentes dependencias e museos militares, de acceso libre e aberto ao público en xeral.

Súmase así a nosa fundación a un novo acto vinculado á Armada e por extensión ás Forzas Armadas no seu conxunto, no afán de promover e difundir o seu labor nun sector tan amplo da sociedade da nosa comarca como son os militares, establecéndose como colaborador preferente, na certeza de que indirectamente estamos promocionando a visita ao santuario cedeirense e a súa contorna natural.

Ao acto asistiron ademais dunha cumprida representación de reservistas da asociación procedentes da Coruña, diferentes autoridades da Armada entre as compre subliñar o contralmirante xefe do Grupo de Acción Naval, Alfonso Pérez de Nanclares e Pérez de Acevedo; o coronel xefe do Terzo do Norte de Infantería de Mariña, Carlos Pérez-Urruti Pérez; o comandante director da Escola de Especialidades ESENGRA, capitán de navío Diego Ruiz e Ruiz de Cortázar; o coronel intendente da Armada, José Ramón Velón Ororbia; o director-xerente de EXPONAV, José María Cardona; e o director do Museo Naval, capitán de navío Bartolomé Cánovas Sánchez.