Santo André de Teixido, lugar de peregrinación ancestral, é destino de milleiros de visitantes ao longo de todo o ano. Pero hai algúns días especialmente sinalados no calendario, por corresponder ás festas que se celebran neste núcleo de poboación. Son, especialmente, dúas.

ROMARÍAS DE SANTO ANDRÉ DE TEIXIDO

8 de setembro

Santo André de Teixido celebra cada 8 de setembro unha xornada festiva que tradicionalmente correspondía co peche da tempada de romarías. Esta ía do 15 de agosto ao 8 de setembro. En Teixido mantense a día de hoxe a tradición de celebrar unha festa nesta data, que acostuma mesturar o compoñente relixioso e de ocio.

Por iso, ademais de cerimonias litúrxicas, a programación destas festas inclúe tamén espectáculos musicais e gastronómicos que se suceden neses días. Unha comisión de festas acostuma organizar unha churrascada para os asistentes e cando menos dúas sesións de música, no horario do vermú e á noitiña. Habitualmente hai actividades en días previos ou posteriores, segundo coincida no calendario.

30 de novembro

O día de Santo André Apóstolo é o 30 de novembro, data na cal se celebra unha festa cun compoñente moito máis litúrxico, no que a misa, a procesión e un acompañamento musical con gaiteiros levan o protagonismo.

Son moitos os visitantes que se achegan ao santuario para celebrar esta xornada, máis devota, se cadra, que a data anterior. A misa principal do Día de Santo André acostuma ser cara as 12:15 horas, e vai seguida da tradicional procesión.

RAPA DAS BESTAS

Último domingo de xuño (pode variar)

A Rapa das Bestas da Capelada é unha tradición feita festa. Tradición, porque este evento festivo que se celebra dende 1974 no Curro da Capelada, respondía xa antes destas datas á necesidade de sanear o gando salvaxe que habita ao seu aire por estes montes.

Na rapa, os cabalos son marcados, desparasitados e córtanlles as crinas. É un proceso de saneamento que, pola súa espectacularidade, é toda unha festa para os amantes dos cabalos, sobre todo no seu estado salvaxe.

Aínda que a festa se celebra nunha única xornada, os organizadores teñen traballo días antes, cando os gandeiros da Capelada comezan a agrupar os cabalos que serán sometidos ao proceso de saneamento. Xa xuntos, vese como van avanzando polo monte cara o curro, onde comeza o ritual da rapa.

Os gandeiros fan un corpo a corpo cos cabalos para calmar, aínda que sexa por uns segundos, ese lado máis salvaxe e proceder ao saneamento. Esta acción acostuma durar una mañá, pero non acaba aí o evento. Despois dun xantar nos postos que acostuman situarse na zona do curro, os asistentes continúan a festa con probas de cabalos de montura ao longo da tarde.