PRESENTACIÓN DO PROXECTO DE SANTO ANDRÉ DE TEIXIDO EN FITUR 2017

fitur-2017-feria-internacional-de-turismo-camino-a-san-andrés-enero

O vindeiro día 18 de xaneiro, ás 10:30 horas, vaise presentar o proxecto público de dinamización dos camiños de Santo André de Teixido no stand da Xunta de Galicia (Turismo de Galicia) da Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR 2017, 18-22 de xaneiro).

O traballo desenvolvido ata agora pola Asociación Cultural y Recreativa Camino a San Andrés de Teixido comeza a dar os seus froitos e as institucións recoñecen o esforzo habilitando este espazo no máis importante marco do negocio turístico internacional. Non en van, Fitur está considerada como a feira máis importantes do mundo no sector. A ela concorren miles de visitantes profesionais e turoperadores, que proveñen dos máis diversos países; e particulares, para os que está dedicado a fin de semana, días 21 e 22, que no noso caso teñen tamén unha gran importancia, porque han de ser case todos españois ou residentes en España, para os que resulte un descubrimento saber deste destino nas súas viaxes. En calquera caso, a todos os que pasen por alí darémoslles cumprida información.

O feito de que o sector turístico internacional recolla a idea de que en Galicia, ademais de acudir a Santiago de Compostela, hai outro destino de peregrinación aínda máis antigo, será o máis importante obxectivo que nos leve a facer este esforzo gozoso pero laborioso, porque temos especial empeño en deixar constancia dunha imaxe seria das nosas intencións. É unha oportunidade que debemos aproveitar para transmitir con toda dignidade que este norte de Galicia, por veces deixado de man, reúne todos os alicientes para convertelo en espazo de desexo por coñecelo, visitalo, gozar da súa gastronomía e sobre todo comunicalo despois, contalo coa ilusión da sorpresa polas paisaxes vividas e polas sensacións que transmite.

Nesa presentación proxectaremos un espectacular vídeo onde aparecen descritos todos e cada un dos motivos de atracción turística ou peregrina que Santo André e a súa contorna ofrece ao visitante, e entregaremos gratuitamente un número especial da revista Santo André de Teixido, de máis de cen páxinas, para que todo o que o desexe poida afondar no coñecemento do lugar, as tradicións, os costumes e os camiños que levan ao Cabo do Mundo.

Queremos que todo o mundo saiba de primeira man, que a Santo André hai que vir de vivo e que os estamos agardando. Contarémosvos con detalle como foi a nosa experiencia en FITUR 2017.