sanANDREStexto

A Fundación Santo André de Teixido foi concibida e posta en marcha por un grupo de persoas implicadas no desenvolvemento económico, social e cultural de Galicia, quere ser unha ferramenta para coordinar esforzos entre todos os estamentos que queiran promover o relanzamento de Santo André de Teixido.

Foi constituída en decembro de 2016 como entidade de carácter fundacional, de interese galego e sen ánimo de lucro, que ten por obxecto promover, protexer, impulsar e fomentar estudos, investigacións e todo tipo de iniciativas e actividades que contribúan ao desenvolvemento social e ao progreso económico e cultural de Galicia. Mais presta especial atención ao recoñecido fenómeno inmaterial, histórico, cultural e antropolóxico aparellado ao lugar de Teixido, no concello de Cedeira (A Coruña), dende os tempos neolíticos, e ao santuario de Santo André de Teixido, logo da cristianización, por ser a primeira peregrinación galega documentada, sen prexuízo da interrelación con outras culturas, precristiáns e posteriores, que atoparon no lugar de Teixido un destino de peregrinación por razóns culturais ou relixiosas.

Realizará o seu labor directamente ou mediante a colaboración con outras institucións, entidades, organismos e persoas que contribúan á consecución dos fins fundacionais, e porá especial empeño na promoción, fomento e difusión da lingua e da cultura galegas.

sen prexuízo de apoiar e impulsar o coñecemento da cultura en xeral como parte indispensable para o entendemento e a solidariedade entre os pobos, recoñecendo no lugar de Teixido un punto de encontro amigable e de diálogo aberto entre todas as culturas para beneficio conxunto da Humanidade.

Para a consecucións dos seus fins, a Fundación poderá establecer un arquivo e biblioteca propios; organizar cursos, conferencias, congresos, seminarios, actividades lúdicas e deportivas, festas, festivais, concursos e premios; editar libros, revistas e publicacións divulgativas; promover a conservación do espazo natural da Serra da Capelada e do patrimonio material e inmaterial da zona; crear un Centro de Estudos Teixideses e un Centro de Interpretación do Camiño de Santo André de Teixido.

Tamén pretende promover a creación de albergues de peregrinos e a actividade turística, en especial no norte de Galicia; crear un Museo Castrexo e Etnográfico; promover e publicar estudos relacionados co fenómeno teixidés; crear un Seminario de Estudos Celtas e atender a todas as manifestacións históricas, etnográficas, antropolóxicas e folclóricas que lle sexan propias.

De igual forma, desenvolverá iniciativas e proxectos en colaboración coa Asociación Cultural e Recreativa Camiño a Santo André de Teixido, entidade irmá a todos os efectos.

Podes enviar unha mensaxe á Fundación Santo André a través do seguinte formulario

8 + 9 =