A FUNDACIÓN SANTO ANDRÉ DE TEIXIDO PARTICIPA NA EXPOSICIÓN HOMENAXE AO ALMIRANTE MIGUEL A. FERNÁNDEZ NO MUSEO NAVAL DE FERROL

Onte día 5 de abril ás sete da tarde inaugurouse na Sala de Usos Múltiples do Museo Naval de Ferrol a exposición de acuarelas Dos días de gloria: El rechazo del ataque británico a Ferrol en 1800, do pintor, poeta e almirante Miguel Ángel Fernández y Fernández (1940-2016). Era a homenaxe póstuma que o Museo Naval e a Delegación do Instituto de Historia e Cultura Naval, en colaboración co Concello de Ferrol e a Fundación Santo André de Teixido, lle rendían a quen foi un destacado membro da milicia, que acadou as máis altas cotas no escalafón da Armada, pero sobre todo unha persoa afable, prototipo do tradicional mariño ilustre e ilustrado que tanto caracterizou ás grandes figuras que conformaron boa parte da historia de Ferrol.

O almirante Fernández deixou pegada na cidade departamental pola súa integración no tecido social ferrolá dende a súa orixe viguesa, grazas tamén ás súas grandes dotes artísticas coma pintor e coma poeta, autor de varios libros propios e ilustrador doutros alleos. En Ferrol estivo destinado en diversos momentos da súa carreira chegando a exercer o cargo de almirante do Arsenal, o máis importante destino en España despois das Capitanías Xenerais das Zonas Marítimas e en Ferrol quedou a vivir asentando a súa casa-estudio nas abas do monte da Graña antes e despois de acadar a xubilación.

A exposición, como o seu nome indica, está dedicada a recrear un acontecemento histórico de especial transcendencia para a comarca ferrolá, cal foi o intento de asalto das tropas inglesas os días 25 e 26 de agosto de 1800, coa pouco recomendable idea de facerse coas dependencias do arsenal. Pero que foron rexeitados pola gornición local apoiados polas milicias populares, obrigando a aquel inmenso exército de case quince mil fillos da Gran Bretaña e máis de cen barcos a recuar nas praias de Doniños e tornar á súa illa co rabo entre as pernas.

Este episodio, o feito de guerra máis importante −e case o único− dos que se deron na comarca ferrolá, aparece perfectamente reflectido nas acuarelas do almirante Fernández, que se puxo á obra convencido de que fora un acontecemento de singular importancia para a historia de España e sen embargo case descoñecido fóra da cidade e a súa contorna.

Con esas máis de cincuenta acuarelas e outros debuxos a tinta sobre papel, o almirante Fernández conta a historia en imaxes, que son as que se expoñen na sala do Museo Naval, pero tamén fixo con elas un libro que completou con poemas e explicacións do acontecido, publicado pola Deputación da Coruña en 2014. Mais o libro, de edición non venal e reducida tirada, estaba esgotado.

Por diversas circunstancias, dende hai algún tempo a Fundación Santo André de Teixido mantén unhas fluídas relacións cos responsables do Museo Naval e coñecedores de que estaban a preparar este evento de homenaxe quíxose sumar e favorecer na medida das súas posibilidades o meirande lucimento, ofrecéndose a colaborar no que estivese ao seu alcance. E así, a fundación correu coa sinalética do espazo expositivo para identificar as imaxes e facendo unha reedición limitada do libro esgotado, coa fin de entregalo aos asistentes ao acto de inauguración. Amosábase polo tanto unha mostra máis do interese da fundación en darse a coñecer en todos os ámbitos sociais da comarca, coma un dos seus obxectivos prioritarios cara ao cumprimento dos seus fins.

A achega da fundación foi moi ben recibida por parte dos estamentos convocantes chegando incluso a comentarse entre os organizadores que de non ser pola súa aportación sería moi difícil levar a cabo a exposición. Pero tamén pola propia familia do almirante Fernández, abríndose de paso unha nova xeira de contactos sociais que a non moito tardar darán os seus froitos no desenvolvemento de novas iniciativas.

O acto estivo presidido polo Almirante Xefe do Arsenal de Ferrol, a máxima autoridade local da Armada, vicealmirante Francisco Javier Romero Caramelo, e pola viúva do almirante Miguel Ángel Fernández y Fernández, Margarita Orduna Vela. Estando presentes tamén o director-conservador do Museo Naval, capitán de navío Bartolomé Cánovas Sánchez; o mando do Tercio do Norte de Infantería de Mariña, coronel Carlos Pérez-Urruti Pérez; o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez; o director do Museo Militar da Coruña, tenente coronel Francisco Manuel Gómez Cobas, outras autoridades civís e militares, representaciones das entidades cullturais da cidade, amigos do almirante falecido e outros convidados.