Éxito de participación no III Trail Santo André de Teixido

iii-trail-san-andres-de-teixido

A Asociación Camiño a Santo André patrocinou o III Trail que pasou pola costa de Teixido e que, por primeira vez, tivo a esta poboación como lugar de saída, meta e mesmo como zona de paso para a carreira máis longa. A asociación aportou premios, fixo os carteis sobre evento e tamén o publicitou en diferentes medios.

Os 260 participantes partiron do adro da igrexa en tres grupos. Os primeiros, os que optaron por percorrer o trail de 24 quilómetros; os segundos, os inscritos para correr 14 quilómetros e os últimos foron os que decidiron facer a andaina.

O evento cadrou nunha xornada soleada aínda que a as chuvias dos días anteriores deixaron riscos no percorrido, con zonas esvaradoiras que os participantes souberon superar para chegar á meta.

Malia os obstáculos, foron moitos os comentarios sobre a beleza do itinerario, pero tamén sobre a súa dificultade. E algúns, mesmo se perderon nalgún tramo da carreira aínda que foron quen de reconducir a situación para chegar a destino.

Máis alá do deportivo, considerado un éxito pola organización ao superar os participantes da anterior edición (180); en Santo André de Teixido conviviron nesa xornada os deportistas da carreira de montaña e tamén outros visitantes que aproveitaron o domingo para visitar o santuario ou a súa contorna, e que chegaron a pé, en bicicleta ou en vehículos. Residentes e turistas animaron aos corredores ao seu paso ou á súa chegada ao núcleo.

Caveiras para os primeiros premios

O presidente da Asociación Camiño a Santo André, Ramón Tudela, participou na entrega de premios. Os primeiros galardoados recibiron unha caveira de Santo André, proporcionada pola asociación. Entregáronse tamén unhas placas coa imaxe de Teixido, cedidas pola xoiaría Farruco, de Cedeira.

As gañadoras da categoría feminina da carreira longa foron Natalia Raña Fuentes, triatleta internacional, que fixo os 24 kilómetros en 2 horas, 52 minutos e 39 segundos. Estivale Dayan Souto e Tereza Ctvrtnickova quedaron en segunda e terceira posición, sen chegar ningunha a superar as tres horas. Karola Böhme, Chus Sanjurjo e Francisca Díaz gañaron o trail curto. O mellor tempo foi de unha hora, 41 minutos e 34 segundos.

No que respecta á categoría masculina, Fernando Cancelo, do Club Artabros, fíxose co primeiro premio do trail longo, tras facer 24 quilómetros en menos de dúas horas e dez minutos. As seguintes posicións foron para Miguel Vilaboy e Aitor Franco. Carlos Naveiras gañou o trail curto, que fixo en algo máis dunha hora e 23 minutos, e Marcos Fernández e Borja Pico foron o segundo e terceiro, respectivamente, deste podium.

Ao finalizar a entrega de premios, os participantes foron ao restaurante Calzada Romana, onde puideron repoñer forzas logo da carreira desfrutando dun churrasco.