
LENDAS
Creación do mundo
Unha delas, conta que Deus apoiou a súa man dereita en Galicia tras crear o mundo e que milenios despois, Cristo e Pedro quixeron coñecer o lugar no que pousara esa man. No traxecto, chegaron a Teixido, cansos e con sede. Mais nese lugar, non había alimentos e non se podía beber. Cristo e Pedro pediron axuda ao Pai para resolver estas necesidades. E este envioulles unha mazá, en cuxo interior se agochaba Santo André, a quen Xesús lle encomendou ficar nese lugar, prometéndolle, iso si, auga e que recibiría a multitudes.
Barca petrificada
Outra lenda di que o Apóstolo Santo André chegou ás costas cedeiresas e naufragou. A súa barca quedou petrificada, transformándose na máis grande das Illas Gabeiras. Para compensalo por esta traxedia, Deus prometeulle un santuario, lugar ao que todos terían que ir para poder entrar no ceo.
Tristeza do apóstolo
Hai tamén unha lenda que di que o santuario de Santo André de Teixido foi creado polo Todopoderoso para compensar a tristeza que sentía o Apóstolo ao ver que todos os peregrinos ían cara Santiago de Compostela. E para garantir que recibira visitas, prometeulle que todo o que non fora a este lugar en vida unha vez, tería que facelo despois de morto, tres.

Pero existen lendas anteriores á cristianización. Os celtas pensaban que en Teixido estaban as portas que conducen ao alén, ao máis aló. E por iso, moitas almas viaxaban por Galicia ata acadar Teixido, onde atravesaban as augas para chegar á outra vida.