PRESENTACIÓN DO LIBRO-DVD PELERINAXES EN OURENSE

libro-cine-pelerinaxes-un-momento-da-presentacion

Un momento do acto de presentación do libro

O pasado mércores, día 2 de novembro, no Liceo de Ourense e no marco dos actos alternativos do Festival de Cine Internacional da cidade das Burgas, levouse a cabo a presentación do libro-DVD Pelerinaxes.

O volume, publicado por Editorial Galaxia e subvencionado pola Asociación Cultural e Recreativa Amigos do Camiño a Santo André de Teixido, coa colaboración da imprenta Sigráfica e Soluciones Poligráficas, vai acompañado dun DVD coa película homónima do realizador italo-galego Simone Saibene.

Como xa temos comentado nestas notas, o film inspira o seu guión noutro libro anterior de Ramón Otero Pedrayo, publicado en 1929, que leva por título Pelerinaxes I, sobre a experiencia da viaxe a pé desde Ourense a Santo Andre de Teixido de tres intelectuais galegos: o propio don Ramón, Vicente Risco e Xosé Ramón e Fernández-Oxea, ben coñecido polo pseudónimo Ben-Cho-Shei. E foi no seu momento e segue a ser na actualidade a referencia máis carismática do recoñecemento da intelectualidade galega dos camiños de peregrinación ao santuario cedeirés.

Por estes motivos, o acto contou coa participación de representantes das diferentes institucións involucradas, como o director do festival de cine OUFF (Ourense Festival Film), Fran Gayo; a secretaria da Fundación Otero Pedrayo, Patricia Arias Cachero; o propio director Simone Saibene; as actrices Carmen Méndez e Isabel Risco, neta do intelectual ourensán; e Pedro X. Blanco Llano, en representación da Asociación de Amigos do Camiño a Santo André de Teixido. Escusou a súa ausencia por motivos persoais o director de Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes.

O acto foi cuberto pola prensa con profusión gráfica e de televisións locais, ademais de contar coa presenta do Alcalde de Ourense, Xesús Vázquez Abad e o presidente do Liceo, Xavier Casares Mouriño.

As diversas intervencións dos poñentes fixeron fincapé na importancia de recuperar o costume da peregrinaxe a Teixido, por ser a máis antiga de Galicia, e en valorar o traballo desenvolvido por Saibene e o seu equipo como forma de divulgación necesaria dunha ruta tan historiada que se remonta aos tempos precristiáns.

No volume inclúense colaboracións que afondan no proceso da rodaxe do film e outros artigos de carácter histórico que contextualizan a viaxe dos tres galeguistas, resultando polo tanto un magnífico complemento.

libro-cine-pelerinaxes-os-protagonistas-da-presentacion-do-libro

De esquerda a dereita: Pedro X. Blanco Llano, da Asociación de Amigos do Camiño a Santo André; Patricia Árias Cachero, secretaria da Fundación Otero Pedrayo; o director da película Pelerinaxes, Simone Saibene; as actrices Carmen Méndez e Isabel Risco, e o director do Festival de Cine OUFF, Fran Gayo.