A ASOCIACIÓN CULTURAL Y RECREATIVA CAMINO A SAN ANDRÉS DE TEIXIDO CONVOCA DOUS NOVOS CONCURSOS DE FOTOGRAFÍA PARA ESTE VERÁN

Continuando coa iniciativa tomada o ano pasado, en que a Asociación Cultural y Recreativa Camino a San Andrés de Teixido, en colaboración coa Fundación Santo André de Teixido, convocaron o Premio de Fotografía “Camiño a Santo André de Teixido 2017”, nesta ocasión e para o verán de 2018, os mesmos organizadores convocan dous novos certames: “Concurso de Fotografía Costa Ártabra – Estaca de Bares” e “Concurso de Fotografía Rapa das Bestas da Capelada 2018”.

            O concurso dedicado á Costa Ártabra – Estaca de Baresestá pensado para resaltar a grandeza e as peculiaridades desta parte da costa galega no norte da provincia da Coruña, que abarca os concellos de Ares, Mugardos, Fene, Neda, Narón, Ferrol, Valdoviño, Cedeira, Cariño, Ortigueira e Mañón, acollendo así toda a denominada Costa Ártabra pero estendendo a zona xeográfica polo norte ata abarcar o Ortegal e Estaca de Bares.

            Trátase de que os concursantes recollan aqueles motivos que entendan como máis representativos, dende a perspectiva turística e paisaxística ata os aspectos etnográficos, xeografía física e humana e calquera outra idea que a imaxinación dos seus autores poida concibir.

            O certame novamente volve ser un dos mellor dotados da especialidade, concedendo ao gañador 3.000 €, ao segundo clasificado 2.000 €, ao terceiro 1.000 € e ademais haberá catro accésit de 500 €.

A Costa Ártabra, o Ortegal e a Estaca de Bares son territorios intimamente ligados á tradición de Santo André de Teixido, pero tamén representan esas rías altas peculiares e diferenciadas vinculadas á Ferrolterra, que en tanto distingue esta parte de Galicia. E a xuízo dos organizadores merece unha especial atención coordinada e conxunta como espazo diferencial, de tal forma que as diferentes e variadas maneiras de velo que os artistas fotógrafos poidan ofrecer, será unha maneira máis de promover a súa visita e coñecemento cara ao exterior, pero tamén cara ao interior do territorio mesmo. Todos cantos esforzos se fagan por colaborar na súa promoción, será abrir iniciativas e camiños de traballo para promover a comarca de todas as forma posibles e a expresión fotográfica é sen dúbida unha das máis atractivas.

Por outra parte, convocar o concurso dedicado á Rapa das Bestas da Capela, non deixa de ser outra forma máis de atraer xente a esta zona da que nos sentimos tan orgullosos, como habitantes e como proxectores da mesma, e a través da Asociación e da Fundación non cesamos no permanente intento de ofrecer novas maneiras de que a xente veña visitarnos para apreciar esta riqueza natural que nos envolve. A Rapa da Bestas da Capelada, unha das máis coñecidas en Galicia, ese recordo da máis antiga tradición que vencella ao ser humano coas greas montesías, foi pasando nos últimos anos por diversos avatares, deixando mesmo de celebrarse algunha edición por falta de iniciativas. Felizmente este ano volve celebrarse o domingo día 3 de xuño de 2018, e pareceunos oportuno apoialo convocando un concurso de fotografía que leve aos artistas da cámara escura ese día á Capelada, para recoller as instantáneas que mellor representen o etnográfico costume: a pelexa para ben entre a besta salvaxe e a persoa, coa finalidade de sanear e domear ao animal, recordando vellas formas de convivencia e interacción conxunta. Ese aspecto tan rico nas súas manifestacións pode e debe ser recollido en instantáneas que nos recorden durante todo o ano a xusta e leal loita corpo a corpo, pero tamén a contorna que envolve o momento propio da rapa no curro. Hai moitos aspectos que se poden observar coa ollada artística arredor do fenómeno da rapa, os protagonistas aloitadores, os espectadores, as eguas preñadas, os poldriños, a rexunta dos cabalos no monte, as carreiras asustadizas cara ao curro, os garañóns impoñentes, as xentes do lugar, o lugar mesmo e mesmo as condicións meteorolóxicas que se poidan dar ese día. Todo pode ser mirado e observado coa ollada crítica do fotógrafo para ofrecer o seu traballo ao concurso, que, por certo, non deixa de estar tamén ben dotado economicamente: 1.000 euros para a obra gañadora, 750 € para a segunda clasificada; 500 para a terceira e catro accésit de 250 €.

Adxúntanse a esta nota as bases para ambos os dous certames, en galego e castelán, porque a experiencia dinos que cando unha convocatoria resulta atractiva aparecen persoas interesadas en todos os lugares de Galicia e fóra dela. O prazo de presentación de orixinais remata o 15 de xullo de 2018 nas dúas convocatorias.

CONCURSO COSTA ÁRTABRA – ESTACA DE BARES

CONCURSO RAPA DAS BESTAS DA CAPELADA