PRESENTACIÓN DOS PROXECTOS EDITORIAIS DA FUNDACIÓN SANTO ANDRÉ DE TEIXIDO Á SECRETARIA XERAL DE MEDIOS DA XUNTA DE GALICIA

Fundación-Santo-André-de-TeixidoNa tarde de onte, 4 de abril, o presidente e o vicepresidente da Fundación Santo André de Teixido, Ramón Tudela Guerrero e Pedro X. Blanco Llano, respectivamente, cursaron unha visita á Secretaria Xeral de Medios, dona Mar Sánchez Sierra, no seu despacho da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia, onde aproveitaron para facerlle entrega da caveira de cerámica característica que a fundación vén utilizando como agasallo e reclamo da súa presenza e actividade ás personalidades políticas e sociais que colaboran na súa promoción.

A finalidade do encontro era facerlle partícipe dos proxectos editoriais da fundación e moi especialmente poñela ao día das publicacións periódicas que está promovendo. En particular, o novo proxecto de revistas turísticas dedicadas ao xeodestino Rías Altas nas dúas vertentes recoñecidas pola propia Xunta a través de Turgalicia, nucleadas arredor das cidades de Ferrol e A Coruña. Por unha parte a cabeceira GALICIA-Turismo Rías Altas: Ferrolterra-Eume-Ortegal; e pola outra, GALICIA-Turismo Rías Altas: A Coruña-As Mariñas, a primeira das cales aparecerá no seu número de Primavera dentro deste mesmo mes de abril.

As revistas recollerán información turística de proximidade pensando na importancia de resaltar os valores que caracterizan estes territorios en tanto afastados dos grandes balbordos e aglomeracións doutros destinos. O turismo que se procura para o norte de Galicia, que ultimamente se vén recoñecendo como unha variante denominada internacionalmente como “Turismo-Slow”, aquel que goza da natureza e os valores culturais e patrimoniais, o surf e os deportes náuticos e de aventura, a tranquilidade do sendeirismo, o turismo rural, a excepcional gastronomía e tantos outros motivos que se atopan nestas comarcas, nun esforzo conxunto apartado dos localismos.

Serán publicacións orientadas a colaborar na proxección exterior e interior deste norte do norte no que a axencia Turgalicia ten especial interese e que desde a fundación enténdese coma unha oportunidade para seguir cumprindo coa súa función de achegar xentes a Santo André de Teixido e a súa contorna.

Por outra banda, tamén falaron do proxecto GALICIA, VÉN DE VIVO, outra publicación destinada ao mercado exterior, trilingue en galego, español e inglés, de distribución pola península en todas as rutas do camiño de Santiago e por toda Galicia, onde resaltar a nosa comunidade no seu conxunto como destino de peregrinación pero tamén como obxecto de atención para os turistas non peregrinos.

O encontro foi de grande satisfacción por ambas as partes, quedando pendentes de seguir falando cando as publicacións estean en marcha, para ver de colaborar conxuntamente na súa promoción.