PRESENTACIÓN DO FILME PELERINAXES NA SALA NUMAX DE SANTIAGO

pelicula-pelerinaxes-camino

O próximo luns 6 de febreiro, ás 19 horas, na sala Numax de Compostela (rúa Concepción Arenal, 9), o director italo-galego Simone Saibene vai presentar e proxectar o seu filme Pelerinaxes con guión baseado no libro “Pelerinaxes I”, de Ramón Otero Pedrayo, onde se recolle a experiencia da viaxe de peregrinación que fixeron de Ourense a Santo André de Teixido en 1927 o propio Otero Pedrayo acompañado de Vicente Risco e Ben-Cho-Shey. Unha peza cinematográfica metade ficción metade documental na que se vai percorrendo o camiño que atravesa Galicia de sur a norte e que permite experimentar por unha parte as sensacións do peregrino, e pola outra documentarse coas intervencións de diferentes especialistas que nos ilustran sobre o mundo daqueles galeguistas nas primeiras décadas do s. XX, en entrevistas que aparecen intercaladas no fío narrativo da historia que se desenvolve.

Logo da proxección farase tamén a presentación do libro-DVD homónimo publicado por Editorial Galaxia co apoio da Asociación Camino a San Andrés de Teixido e da Fundación Santo André de Teixido. No libro contémplase a ficha técnica completa do filme e diferentes artigos e comentarios de especialistas que participaron na súa realización. Representantes de institucións como a Editorial Galaxia ou as fundacións Otero Pedrayo e Vicente Risco, ademais de algúns dos actores, nomeadamente Isabel Risco Valdivieso, neta de Vicente Risco, que tamén estará no acto de presentación na sala Numax. Completase a publicación cun DVD coa película e apartados de “making off”, fotografías, etc.

Simone Saibene é un italiano do norte (1977), que asentou en Ourense en 2010 onde fundou a produtora e distribuidora cinematográfica Noveolas Producciones e xa ten acreditada unha carreira de produtor e director merecente de distintos recoñecementos e galardóns, como unha mención especial na Seminci de Valladolid, ademais de levar presentado o seu filme Pelerinaxes por diferentes festivais en España, Francia ou Bangladesh, intercalados coa presentación en varias cidades e pobos de Galicia, centros de ensino, asociacións culturais e salas de cinema.

A seguinte presentación do filme e do libro-DVD está prevista para o día 8 de marzo, ás 20 horas, no emblemático escenario da Casa das Campás (rúa Don Filiberto, 11), en Pontevedra, probablemente a construción civil máis antiga da cidade.