Ralli de vehículos clásico da Coruña a Santo André de Teixido
Coa esperanza posta en que o tempo o permita, para o vindeiro domingo día 26 de marzo está prevista a celebración do I Ralli A Coruña-Santo André de Teixido de Vehículos Clásicos, que desgraciadamente houbo de suspenderse o pasado 5 de febreiro por desfavorables continxencias atmosféricas.
Organizado pola Asociación de Amigos do Museo da Automoción e a Historia, e patrocinado polas Fundacións Jorge Jove e Santo André de Teixido, coa inestimable colaboración das autoridades do Arsenal Militar de Ferrol, o ralli −no que teñen previsto participar arredor de vinte coches antigos−, dará comezo na Coruña ás dez da mañá, hora na que sairá a comitiva con destino a Ferrol, a onde se calcula que chegarán arredor das once, introducíndose nas dependencias militares para visitar o Arsenal e o Museo Naval. Sobre as doce e trinta horas, de novo se poñerán en marcha camiño de Cedeira e Santo André de Teixido, para despois celebrar un xantar de confraternidade no restaurante Calzada Romana, nas proximidades do santuario.
Os vehículos participantes pertencen ao Museo da Automoción e son todos eles exemplares de indubidable valor histórico. O evento por outra parte pretende unha tripla intención: dar a coñecer fóra da cidade da Coruña o museo automobilístico herculino, promover a visita ao magnífico Museo Naval de Ferrol e naturalmente achegar xente a Santo André de Teixido, un valor para toda Galicia pola tradición peregrina e polo gozo da agreste orografía da Serra da Capelada. Agardemos que o tempo dea un respiro e permita a participantes e observadores desenvolver o evento con total normalidade.
Lembrámoslle a todos os participantes e observadores que está en marcha ata o día 30 de abril o I Concurso de fotografía “Camiño a Santo André de Teixido” e que poden aproveitar este día para capturar a suas pezas para participar no concurso. Moita sorte a todos e vémonos no Ralli!