Rafael Usero. A asociación Camiño a Santo André reedita o seu libro sobre o santuario
O profesor, investigador e cronista oficial de Cedeira, Rafael Usero, está a traballar na reedición do seu libro El Santuario de San Andrés de Teixido, que estará a disposición do público no primeiro trimestre do ano 2017. A través dun acordo coa Asociación Camiño a Santo André, implicada nesta terceira edición do documento, Usero púxose a recompilar o novo material que incorporará ao libro, que sairá, segundo está previsto, cunha tirada mínima de 3.000 exemplares.
El Santuario de San Andrés de Teixido foi editado en 1972 pola Fundación Villabrille e, dúas décadas despois, ampliouse coas investigacións e datos que foi atopando Usero ao longo dese tempo. Foi así como saíu en 1992 a segunda edición. En 2017, 45 anos despois dese primeiro traballo e tras un cuarto de século do segundo, o investigador prepara unha nova actualización dun dos traballos máis completos sobre este santuario.
Usero avanzou que o próximo libro aportará máis información que os anteriores e pon como exemplo datos históricos que foi descubrindo a través do seu paso por diferentes arquivos en Madrid, Régoa, Mondoñedo… Un deles refírese ao retablo maior do templo, que se supoñía que era do século XVIII, e agora sábese que no ano 1729 xa estaba colocado. Tamén se aportarán novos datos sobre os camiños a Santo André, froito da recuperación de documentos notariais e outros que van revelando nova información ao respecto.
Outro dos datos nos que ten avanzado Usero refírese á árbore xenealóxica de Regina Sande, unha das máis destacas creadoras dos sanandresiños que espallou a tradición na súa familia malia residir no núcleo de Cedeira. Usero atribúe esta tradición nesa familia ao feito de que tiña antepasados de Santo André de Teixido, algo que explicaría ese bo facer cos amuletos.
A información recollida nas últimas décadas afecta a todos os capítulos do libro, hoxe estruturado en sete nos que se aborda dende o marco xeográfico de Teixido ata a presenza deste núcleo en textos literarios, pasando polas tradicións, os camiños ou un repaso á historia de Santo André de Teixido. Tamén se engadirá novo material gráfico á reedición.
O misterio de Teixido
Malia que Usero ten investigado sobre Cedeira e Santo André dende os 15 anos, admite que a nova reedición non desvelarán as orixes deste destino de peregrinación. É así porque, segundo o escritor, todo canto rodea este lugar é un “misterio”, polo que queda aínda moito por indagar respecto dun núcleo que xa no século XIV atraía peregrinacións.
“Hai grandes dificultades para interpretar os vestixios relixiosos” previos ao culto cristiano, explica Usero. Pero non dubida da presenza de xentes doutros países chegados por romarías.
Un dos misterios de Teixido está no que el ten denominado a modo de brincadeira como un OANI (Obxecto Arqueolóxico Non Identificado). Trátase dunha especie de roda solar que hai no santuario e que tres expertos en prehistoria non foron capaces de aclarar.
Celtismo
Unha cuestión que non suscita dubida en Usero é a orixe celta da zona.
Os ártabros eran celtas, explica, e foron chamados Lapatiancos. Explica que chegaban este celtismo á zona do río Mera. A partir de aí estaban os Arronos, con outra tradición cultural. Un exemplo diso, di Usero, está na superficie do ferrado, de 509 metros na zona celta e 444 na outra, que aínda se manteñen hoxe.
Tras décadas de estudo sobre Cedeira e todo o que rodea a este santuario, o profesor afirma que coas súas investigacións ten dado pasos para “confirmar a idea que xa tiña” sobre este lugar.
Mudan as tradicións
En tantos anos de investigación, teñen mudado cousas e, entre elas, as tradicións relacionadas con Teixido. Así, fóronse perdendo algunhas coma o ramo de Santo André, feito cunha póla de abeleira e á que se atan poliñas de teixo e unha pouca de herba de namorar. Outra das diferenzas é que se antes se realizaban as romarías a pé, na actualidade é máis frecuente achegarse a Teixido en vehículo.