O SECRETARIO XERAL DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA RECIBE NO SEU DESPACHO AO PRESIDENTE E AO VICEPRESIDENTE DA FUNDACIÓN SANTO ANDRÉ DE TEIXIDO

reunión-con-el-secretario-general-de-política-lingüistica-da-Xunta-de-Galicia

Pé da foto: O Presidente (esq.) e o Vicepresidente (der.) da Fundación Santo André de Teixido facendo entrega da Caveira de Honra ao Secretario Xeral de Política Lingüística, don Valentín García Gómez.

O Presidente da Fundación Santo André de Teixido, Ramón Tudela Guerrero e o Vicepresidente, Pedro X. Blanco Llano, foron recibidos o pasado venres, 10 de febreiro, polo Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, D. Valentín García Gómez, no seu despacho da Secretaría Xeral da Xunta en Compostela.

O motivo da recepción foi a presentación do proxecto da revista GALICIA, VÉN DE VIVO, que a entidade está levando a cabo como un medio de comunicación único para recoller a actualidade e a información práctica e turística que ofrecer a turistas e visitantes que teñen por Galicia o seu destino, en particular aqueles peregrinos que seguen os camiños de Compostela e do santuario de Santo André de Teixido.

A revista GALICIA, VÉN DE VIVO, é un proxecto no que a Fundación xa está traballando e que terá unha periodicidade trimestral, ofrecendo unha panorámica informativa de sumo interese para os viaxeiros e público en xeral, en edición trilingüe (galego, castelán e inglés) e distribución en Galicia e nos territorios do Estado Español que teñen acreditados historicamente camiños de peregrinación a Compostela e Santo André, ademais de ofrecela tamén na rede de albergues.

A edición trilingüe está xustificada pola propia lingua oficial de Galicia, que a Fundación defende en todas as súas manifestacións, de especial valoración pola Secretaría Xeral; pola castelá, que en tanto permite a comunicación fluída co resto do Estado e todos os países castelán falantes de Iberoamérica; e en inglés, por ser o idioma máis utilizado na comunicación universal, considerando a variedade de procedencias dos peregrinos e tendo en conta que as estatísticas oficiais de visitantes estranxeiros a Galicia manifestan unha importante porcentaxe dos que teñen no inglés a súa lingua habitual ou, de ser o caso, como segunda lingua nos seus países de orixe.

A reacción do Secretario Xeral sobre o proxecto presentado nunha maqueta foi verdadeiramente entusiasta, concordando que na actualidade non existe ningunha outra publicación que ofreza estes contidos de interese, xa non en galego senón en ningunha outra lingua. Sumándose á idea de que en efecto non se pode promocionar cara ao exterior en exclusiva un destino concreto dentro da nosa comunidade se non temos en conta que Galicia no seu conxunto é o obxecto de atención que se percibe dende fóra. Sen prexuízo de que despois se diversifiquen os camiños para acadar diferentes destinos dentro da nosa comunidade. De aí o nome da cabeceira GALICIA, VÉN DE VIVO, que xoga co convite incuestionable de viaxar a Galicia, pero que ten en “Vén de vivo”, a mensaxe subliminar aplicada de vello por tradición oral a Santo André de Teixido (Vai de morto o que non foi de vivo). Unha mestura, sen dúbida interesada, que a Fundación pon en marcha coa intención de promocionar o país pero tamén descubrir para quen o descoñeza a meta de Teixido.

Así mesmo, Presidente e Vicepresidente da Fundación aproveitaron a recepción para facerlle entrega ao Secretario Xeral, don Valentín García Gómez, da Caveira de Honra, distinción que a Fundación outorga ás persoas e institucións que dalgún xeito contribúen á consolidación do proxecto de difusión dos camiños de peregrinación a Santo André de Teixido.