Presentación do libro de Siro López, Castelao na Arte Europea
O pasado martes 3 de xullo foi presentado o libro de Siro López, Castelao da Arte Europea, publicado por Garañón Editora no Museo de Pontevedra. O acto previsto para as oito da tarde houbo de retrasarse un pouco porque unha hora antes, ás sete, inaugurouse no mesmo Edificio Sexto da institución unha exposición permanente, nas Salas Castelao, cos debuxos orixinais do Álbum Nós, que incomprensiblemente achábanse nun estraño paradoiro descoñecido, mais ao fin o Museo, logo de múltiples xestións, se puido facer con eles cun depósito temporal por cinco anos.
Foi unha feliz coincidencia que os dous eventos se puidesen celebrar un ao remate do outro, toda vez que a presentación do libro veu representar o perfecto colofón a un día de festa celebrado por todas as partes. O Museo de Pontevedra, como é sabido, é a institución museística máis importante de Galicia, axudado a crear entre outros polo propio Castelao hai noventa anos, e nel atesóurase a memoria histórica e artística galega de todos os tempos. De tal xeito que para Garañón, a editora creada ao abeiro da Fundación Santo André de Teixido, foi un fito de capital importancia polo que, con esta celebración, se lle recoñece dende os inicios un labor de aportación á nosa cultura co aval dunha das máis importantes institucións da nosa comunidade. Tal foi así, que as amables palabras de agradecemento pronunciadas na presentación polo director do Museo de Pontevedra, Xosé Carlos Valle, a Garañón Editora, por escoller aquelas dependencias para presentar o libro, tiveron que ser inmediatamente emendadas polo director de Garañón, Pedro Blanco, para dicir que realmente quen se ten que sentir moi honrada é a editorial, ao dispor dun foro da categoría do auditorio do Museo para dar a coñecer publicamente na cidade de Pontevedra a súa produción.
O acto, no que ademais do autor, Siro López; o director do Museo, Xosé Carlos Valle; e o director de Garañón, Pedro Blanco; estaba previsto que participase o Deputado Provincial de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal Fariña, pero non puido asistir por compromisos contraídos a última hora, completouse cunha charla explicativa, axudada de proxección de diapositivas, de Siro López, onde puxo de manifesto as razóns que o levaron a escribir este libro logo de dedicarse a estudar a obra plástica de Castelao durante máis de corenta anos.
A concorrida asistencia agradeceu efusivamente as palabras de Siro e correspondeu xenerosamente mercando exemplares no pequeno posto da Librería Paz pontevedresa, desprazada ás dependencias do Museo para poñer á venda o libro, co fin de solicitar ao autor a súa dedicatoria e sinatura.
Entre unhas cousas e outras, case se chegou ás dez da noite, nun grande ambiente de cordialidade e camaradería, evidenciando que as liñas editoriais marcadas por Garañón Editora, a pesar da súa pequena historia, están abrindo un oco propio de consideración no nutrido espazo editorial galego.