La Vuelta apuntouse ao Camiño

la-vuelta-ciclista-camino-a-san-andrés

Santo André de Teixido é, ademais de destino de romeiros e turistas, lugar de interese para ciclistas. Se ata agora era destino habitual da Marcha a Ferrolterra,  que organiza o Club Ciclista de Ferrol; sumouse nesta última edición La Vuelta a España, aínda que cun percorrido distinto.

A cuarta etapa de La Vuelta comezou o 23 de agosto en Betanzos e acabou no miradoiro de Vixía Herbeira, un porto inédito nesta competición e que destacaron os comentaristas da carreira por ser un bo lugar para que desfruten amantes do ciclismo, da natureza, da costa e das praias. Un descubrimento, citaron, dende o punto de vista deportivo, pero tamén dende a perspectiva turística e paisaxística.

Máis de 190 países puideron ver espectaculares imaxes aéreas da ría de Cedeira, a costa que une o porto desta vila con Cabo Ortegal, a praia e a lagoa da Frouxeira ou a ría de Ortigueira.  Tamén houbo vistas de Cerdido, San Sadurniño e outros municipios polos que pasaron os participantes na competición.

Xunta de Galicia e Deputación da Coruña patrocinan este evento con 850.000 euros entre ambas institucións. O obxectivo é empregar esta competición coma escaparate de promoción turística internacional, ao existir unha audiencia potencial de mil millóns de persoas. Nas localidades polas que ten pasado La Vuelta esperan ver, en breve, o retorno desta inversión.

O ‘milagre’ de Calmejane 

O francés Lilian Calmejane (Direct Energie) atopou neste camiño a súa primeira vitoria coma ciclista profesional, ao ser o primeiro en cruzar a liña de meta de Vixía Herbeira. Non obstante, na clasificación xeral foi Darwin Atapuma (BMC) o que se situou coma líder da carreira.

Marcha a Ferrolterra

Semanas antes da chegada de La Vuelta a Herbeira, o Club Ciclista de Ferrol organizou a súa Marcha Ciclista a Ferrolterra. Vai pola súa XIX edición e parte do percorrido realizado polos ciclistas profesionais é xa coñecido para os participantes neste evento.

Juan Martínez Rey, presidente do Club, considera positivo que La Vuelta tivera optado por esta etapa inédita que, ademais, opina que “gustou aos comentaristas, prensa e organización”, polos comentarios realizados.

Ademais do impacto turístico que poida ter, sinala que xa vén xente coñecer a subida. E alude ao exemplo do Ézaro, por onde pasou anos atrás esta volta, que supuxo un antes e un despois para a marcha ciclista organizada nesa zona, que pasou a contar con ata 2.000 participantes. Agarda, tamén, que supoña un antes e un despois para a Marcha a Ferrolterra, que nesta última edición contou con case 200 participantes. Ademais, o próximo ano coincide co 20 aniversario da marcha, polo que se prevé realizar algo especial nesta xornada ciclodeportiva.

Unha das diferenzas entre La Vuelta e a Marcha a Ferrolterra foi a meteoroloxía, pois o 7 de agosto había unha densa néboa e fortes ventos que dificultaban o traxecto aos ciclistas, ao contrario do que aconteceu o 26 de agosto, xornada na que foi posible mostrar a paisaxe da zona a todos os seguidores do evento.

Aínda que a Marcha a Ferrolterra está consolidada, os primeiros anos baixaba ata Teixido e presentouse co lema ‘Vai de morto quen non foi de vivo’. Agora, este tour de media-alta dificultade e 121 quilómetros  opta por non baixar ata Santo André e continuar por Herbeira ata Cariño, onde hai unha zona de avituallamento antes do regreso a Ferrol.