Presentación do libro – DVD de Queiman e Pousa sobre O himno Galego

O pasado día 31 de maio no salón de actos da Secretaría Xeral de Política Lingüística, na rúa San Roque compostelá, celebrouse o acto de presentación do traballo desenvolvido polo grupo artístico Queiman e Pousa arredor da historia do Himno Galego, patrocinado pola Fundación Santo André de Teixido.

O acto comezou ás 11:30 horas da mañá e prolongouse ata as dúas da tarde nunha sucesión de actividades que axudaron a darlle o realce que merece un labor coma este, onde os artistas concibiron un pequeno espectáculo á vista dun salón de actos abarrotado coa asistencia de máis de duascentas persoas.

Diferentes intervencións dos patrocinadores e colaboradores da parella no desenvolvemento do proxecto axudaron a contextualizar as razóns de emprender este traballo, comezando polas palabras de Ramón Tudela, Presidente da Fundación Santo André de Teixido, quen puxo de manifesto o interese da nosa Fundación por participar en todas as actividades que estean ao seu alcance para difundir a nosa forma de ser e a nosa cultura dende unha perspectiva de orgullo colectivo da que o noso Himno non podía estar ausente. De aí que se tomase esta iniciativa con todo interese dende un primeiro momento correndo coa realización física dos soportes nos que se recolle a mensaxe: un pequeno libro, coas aportacións dos colaboradores —representantes todos de institucións e fundacións de Galicia e outras personalidades da nosa cultura—, ademais de conter unha pequena unidade didáctica dedicada ao ensino infantil e medio; un DVD, cun traballo documental sobre a historia do Himno, no que tamén participan diversos especialistas; e un CD recollendo as versións cantadas do noso Himno por Andrea Pousa.

Ademais de Tudela falaron Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, o presidente da Fundación Eduardo Pondal e Alcalde de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido; e por recordar a figura de Pascual Veiga falou o cronista oficial de Mondoñedo. Falou tamén Nani García, o músico e compositor encargado dos arranxos do himno interpretado por Andrea Pousa. A cantante Pousa, á súa vez, interpretou algunha composición que o auditorio agradeceu con fervorosos aplausos, así como unha pequena intervención coa participación do Bruxo Queiman para recordar a figura de Xosé Neira Vilas, da que ambos os dous se senten debedores ao ser mediante os seus textos que coñeceron en profundidade a historia do noso Himno.

Expuxéronse varios avances dos contidos do DVD e do CD e por suposto a versión do Himno, que con todos os asistentes en pé foi escoitado co respecto debido, para dar remate ao acontecemento. De seguido e no antigo claustro do convento que serve de sede á Secretaría Xeral de Política Lingüística serviuse unha copa de viño, dando paso a unha cumprida sesión de fotocall polo que foron desfilando moitos dos asistententes para ter unha lembranza do momento.

Polas fotos que se acompañan pódese comprobar diferentes intres da celebración.

Galería