PRESENTACIÓN DOS LIBROS DE GARAÑÓN EDITORA PATROCINADOS POLA FUNDACIÓN SANTO ANDRÉ DE TEIXIDO NO CONCELLO DE ORTIGUEIRA

O pasado venres 8 de xuño foron presentados no salón de plenos do Concello de Ortigueira, os tres libros publicados ata o de agora por Garañón Editora co patrocinio da Fundación Santo André de Teixido: Viaje a A Capelada y su Santuario de San Andrés de Teixido, de Antonio Rodríguez Rodríguez; San Andrés de Teixido. Historia, leyendas y tradiciones,de Federico Maciñeira, en edición facsímile; e Catálogo Concurso de Fotografía “Camiño a Santo André de Teixido 2017”,de varios autores.

O acto presidido polo Concelleiro de Obras, Juan Manuel Cao García, en representación do Alcalde, Juan Penabad Muras, que na súa condición de deputado provincial por motivos de axenda non puido asistir, contou coa participación de Francisco Javier Martínez Prieto, historiador e membro da xunta directiva da Asociación Terras de Ortigueira ademais de párroco de Santa Marta de Ortigueira; e de Pedro X. Blanco Llano, director de Garañón Editora e vicepresidente da Fundación Santo André de Teixido. Non puido asistir tampouco o presidente da Fundación Santo André de Teixido, Ramón Tudela Guerrero, que estaba previsto como participante na mesa, por motivos familiares de enfermidade que o obrigaron a desprazarse a Compostela.

A organización do evento correu a cargo da Asociación Terras do Ortegal, de Garañón Editora e da Fundación Santo André de Teixido, coa colaboración do Concello de Ortigueira.

Nunha tarde verdadeiramente desapacible na que a chuvia non deu nin un minuto de respiro, o salón de plenos ortigueirés encheuse de xente que desafiou o tempo para dar cobertura a unha actividade do seu interese, cal era a presentación dos libros pero tamén a da propia Garañón Editora e indirectamente para falar da existencia da Fundación SAT, que aínda non fixera a súa presentación pública nas terras do Ortegal. Foi pois un compendio de novidades moi ben recibidas polos asistentes, que non dubidaron en apoiar as tres iniciativas en demorado coloquio posterior ao acto en si mesmo, intercambiando comentarios e saudando o labor que no seu pouco tempo de existencia vén desenvolvendo a Fundación como núcleo central de todas as liñas de traballo que desenvolve directamente ou de forma indirecta, como é o caso de Garañón Editora.

O interese e a participación da concorrencia no coloquio fixo que un acto que en principio semellaba ser de curta duración, prolongouse ata case unha hora e media, o que ben se entende foi debido á magnífica acollida dos asistentes, unha forma máis de corroborar que o labor que desenvolve a Fundación resulta ser recibido con agrado e expectación pola poboación da nosa comarca.

Pero tamén hai que agradecer o predicamento e bo facer da dinámica Asociación Terras do Ortegal, deixando notar con claridade o seu poder de convocatoria e o agarimo con que tomaron o evento, ratificando unha vez máis a vontade de colaborar coa Fundación en cantas iniciativas se poidan levar adiante. Falouse dos libros, da Fundación e da editorial, pero tamén se falou do interese que ten a xente por conseguir o recoñecemento negado dende as administracións públicas ao fenómeno antropolóxico, cultural e relixioso que representa Santo André de Teixido e xa que logo as consecuencias e beneficios que para toda a comarca puidesen derivarse na economía, no turismo, na riqueza en definitiva por explotar nunha zona abandoada nos proxectos de dinamización económica do país. E que por outra parte non deixa de erguer esperanza de progreso porque queda moito facer, ou case todo. Labor que se debe acometer con sentido de responsabilidade atendendo a iniciativas respectuosas co medio ambiente e por suposto con proxectos de desenvolvemento racional.

Unha xornada feliz que consolida e respalda o labor da Fundación, pero sobre todo a certeza de que a Fundación pode cubrir ese baleiro dun vehículo de canalización de proxectos e iniciativas sustentables, que o conxunto da poboación bota en falta, para pasar por riba de localismos e protagonismos individuais, que só fanan e demoran o labor conxunto.

Progresivamente, para as datas vindeiras estanse programando outros actos de similares características polos distintos concellos da comarca, como máis próximos en Cedeira e Cariño.

De esquerda a dereita, Francisco Javier Martínez Prieto, Juan Manuel Cao García; Concelleiro de Obras, Pedro Blanco, director de Garañón Editora e vicepresidente da Fundación Santo André de Teixido. Fotografías de Mª Inmaculada Gutiérrez Fernández.