CASTELAO NA ARTE EUROPEA de Siro López

PORTADA-CASTELAO-Siro

Garañón Editora, a editorial promovida pola Fundación Santo André de Teixido, vén de publicar “Castelao na Arte Europea”, do debuxante e ensaísta Siro López, abrindo unha nova colección, Gallaecia Ensaio, concibida para dar cobertura a traballos de investigación e ensaios sobre diversas temáticas relacionadas con Galicia en calquera eido.

Este primeiro libro da colección aborda dende unha perspectiva nova a figura de Castelao na súa relación cos seus contemporáneos en Europa, en canto á súa actividade artística e particularmente no relacionado co debuxo, o humor e o humorismo, para deducir que lonxe do que puidese parecer, a arte de Castelao representou no seu tempo estar á vangarda do que acontecía en Europa. E todo feito coa visión doutro excepcional debuxante como Siro López, que leva máis de corenta anos estudando a obra de Castelao.

Dende a saída do prelo hai un par de meses, a obra xa foi presentada en distintos foros como no Liceo de Ourense, o pasado día 21 de maio; no CGAC, Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago, o 22 de maio, e no Ateneo Ferrolán o 24 de maio. Está pendente, aínda que xa comprometida e pendente de concretar a data, outras presentacións na Galería Atlántica, da Coruña; no Museo de Pontevedra; no Concello de Rianxo e no resto das cidades e vilas máis importantes de Galicia, incluíndo as feiras dos libro que se están a celebrar ao longo do verán por todo o territorio da nosa comunidade.