A FUNDACIÓN SANTO ANDRÉ DE TEIXIDO PROMOVE A EDICIÓN E DISTRIBUCIÓN DO LIBRO “Escolma do Humorismo Gráfico de Moncho Borrajo” POR TODA GALICIA

moncho-borrajo-escolma-do-humorismo-gráfico-de-moncho-borrajo-galicia-libro-fundación-santo-andré-de-teixido 

Logo da presentación oficial do libro Escolma do Humorismo Gráfico de Moncho Borrajo, o pasado día 26 de abril na Librería Arenas da Coruña, a Fundación Santo André de Teixido está involucrada na difusión e distribución do libro polas librerías de Galicia, organizando sinaturas nas Feiras do Libro por toda a Comunidade e nos centros do Corte Inglés.

O pasado día 3 de maio estiveron acompañando a Moncho Borrajo na Feira do Libro de Santiago de Compostela e o 11 de maio no Corte Inglés de Vigo, onde os actos acadaron gran repercusión pública pola popularidade do actor, que asinou un bo número de exemplares.

O libro, en edición bilingüe, recolle toda a produción de humorismo gráfico publicada polo autor nos anos oitenta e noventa, composta de cinco volumes: Moncho y YoMoncho y Tú¡Pobres Míos!Animaliños, e Gatos, complementado ademais cunha xeira de debuxos aparecidos na prensa e que nunca foran reunidos nunha publicación. Cinco libros que agora se presentan nun só volume coa dobre versión dos textos en galego e castelán para que poida ser comercializado indistintamente en Galicia e en España.

Nas próximas datas Moncho Borrajo asistirá a distintos eventos para seguir asinando exemplares aos seus lectores e admiradores. En concreto, o 17 de maio, Día das Letras Galegas, estará na Feira do Libro de Lugo; o 24 de maio no Corte Inglés de Santiago; o 31 de maio na Feira do Libro de Ourense; o 16 de xuño no Corte Inglés da Coruña; o 1º de xullo na Feira do Libro de Vigo; o 29 de xullo na Feira do Libro de Ponteareas; a primeiros de agosto na Feira do Libro da Coruña; o 16 de agosto na de Viveiro; o 20 de agosto na de Foz e o 23 de agosto na de Monforte. Toda unha xira por Galicia onde ten unha boa lexión de seguidores que poderán así achegarse aos distintos puntos para recoller a súa sinatura.

A figura de Borrajo segue a ser, a pesar de levar máis de corenta anos nos escenarios españois, un referente dun tipo de humor que se cadra tivo a súa cimeira nos anos oitenta, cando para asistir a unha das súas funcións da sala Cleofás de Madrid había que reservar entrada con meses de antelación. E boa parte daquela xente que recorda aqueles momentos mantense fiel á figura dun actor que marcou unha época e hoxe o recordan e aplauden a través das súas regulares aparicións no programa Luar da Televisión de Galicia ou acudindo ás súas actuacións en directo nos teatros con novos espectáculos.

A Fundación Santo André de Teixido apoia estas iniciativas de divulgación da súa obra en agradecemento á amizade e a mellor disposición amosada pola actor cara aos obxectivos que defende a entidade, coa que colabora asiduamente e da que deseñou o seu propio logotipo. E ademais desta iniciativa puntual de difusión deste libro, está traballando noutros proxectos e publicacións do actor, así como preparando unha exposición antolóxica da súa obra pictórica que se levará a cabo nos meses de novembro e decembro na sala Carlos III de exposicións temporais de Exponav, en Ferrol, a Exposición Nacional da Construción Naval, nun acto que agardamos marque un fito na súa traxectoria multidisciplinar como figura destacada das artes en Galicia.

Sen prexuízo de asistir ás feiras do libro e lugares onde Borrajo estea presente, os seus lectores e seguidores poden mercar o libro nas máis importantes librería e na súa propia páxina web: www.monchoborrajo.es onde ademais agasalla a cada comprador cunha lámina numerada e asinada persoalmente por el mesmo.