DESCOBRE SANTO ANDRÉ DE TEIXIDO
Santo André de Teixido é o segundo santuario máis visitado en Galicia, despois do de Santiago de Compostela. Situado nun val da Serra da Capelada, no concello coruñés de Cedeira, recibe cada ano a milleiros de visitantes -autóctonos e foráneos- interesados en coñecer este núcleo.
O seu interese parte non só polo seu templo gótico de tipo mariñeiro, senón tamén por unha paisaxe na que se alternan espectaculares postas de sol con paseos por lugares excepcionais no planeta.
O santuario cristián data da Idade Media, pero os estudosos sitúan antes a existencia de Teixido como lugar de culto de druídas e como un outro mundo Celta, no que esta zona sería unha especie de porta cara ao alén. Por iso, fálase desta como a peregrinación máis ancestral.
Santo André de Teixido é relixión, espiritualidade, tradición, lenda, historia. Para algúns, unha viaxe á fin do mundo. Para outros, o camiño de peregrinación dos galegos.
E é nesta contorna onde se atopa un dos cantís máis altos de Europa -Vixía Herbeira-, a única praia de area negra non volcánica do mundo e unha especie de bosque petrificado. É, tamén, un lugar de importancia xeolóxica mundial. Todas, paraxes que non deixan indiferente a quen as visita.