vecinos-valdoviño-camino-a-san-andrés-de-teixido

Andaina a Teixido. O alcalde de Valdoviño foi de guía cos veciños.

A Andaina a Santo André de Teixido organizada polo Concello de Valdoviño sumou outra edición. Organízase dende o ano 2000 de xeito ininterrompido e, neste 2016, participaron 112 persoas, o máximo de prazas previstas pola organización. Nesta andaina vaise polo camiño histórico. Malia o compoñente deportivo desta actividade, o obxectivo da mesma non é outro que dar a coñecer os diferentes aspectos do camiño e do patrimonio que se atopa ao seu carón. Tanto o inmaterial (lendas e mitoloxía) coma o material (arquitectónico, megalítico…).  Por iso, potenciouse na andaina ese carácter máis cultural e etnográfico, que son os piares sobre os que naceu esta actividade fai xa 17 anos.

O paseo cultural tivo lugar no tramo do camiño que discorre por Valdoviño. Foi o propio alcalde, o arqueólogo Alberto González, o que exerceu de guía para que os romeiros fosen descubrindo o patrimonio local.

Unha oportunidade para coñecer un pouco máis a historia e a cultura que hai detrás dalgúns dos lugares máis emblemáticos deste concello e do Cedeira, da man de expertos que comparten ese coñecemento.

Así, acostuman participar na andada arqueólogos, historiadores, animadores deportivos ou técnicos en  animación sociocultural.

A saída foi dende A Rocha, situada a 28 kilómetros de Teixido, e realizáronse outras dúas paradas con especial significado. A primeira foi na Ermida de Liñeiro, máis coñecida como Capela da Fame. Neste lugar acostumaban parar os romeiros para xantar e recobrar forzas trala anterior etapa do camiño. Trátase dun templo do século XVI que contén un retablo en pedra de estilo renacentista. Foi este punto o primeiro lugar de avituallamento, aínda que non o único. O outro punto máis significativo foi Porto do Cabo, lugar que marca o fin da ruta a Santo André polo municipio de Valdoviño. Neste núcleo destaca a súa ponte medieval do século XVI e a Casa da Bastona, que na súa época foi un albergue para peregrinos.

En Porto do Cabo organizouse unha performance, na que se recreou a chegada dos antigos romeiros. Aquí, no que era un antigo albergue, emulouse a atención que os veciños prestaban aos peregrinos doutras épocas, caracterizada, segundo o Concello de Valdoviño, pola hospitalidade e a alegría.Desde aí, continuaron a ruta polo Camiño dos Romeiros, pois Porto do Cabo é o lugar de confluencia de varios dos itinerarios que levan a Santo André.

Os participantes desta andaina tiveron ocasión de gozar, no transcurso do traxecto, dunha paisaxe natural chea de acantilados e vestixios das antigas peregrinacións. Para finalizar a festa, todos os camiñantes fixeron unha parada para un xantar popular, que tivo lugar na área recreativa de Santo André de Teixido. Co estómago cheo e logo de gozar do tempo libre, fixeron a volta en autobús.